
A representante xurídica de Amigos da Terra é un dos membros integrantes da RADA – Rede de Avogados para a Defensa Ambiental , rede que nace co obxectivo principal de pór en común recursos e buscar solucións aos problemas que se atopan á hora de defender o medio ambiente dende o eido legal.
A rede está integrada por 40 membros, todos eles profesionais xurídicos e activistas do mundo da protección ambiental. Algunha das afirmacións que se defendían ante o plantexamento da creación da Rede, versaban sobre o feito de que os avogados ambientalistas atopan moitas dificultades á hora de defender o medio ambiente pola escasa aplicación e coñecemento da lexislación ambiental, a complexidade dos temas e a falta de medios.
Neste senso, destacar que a aplicación do Convenio de Aarhus sobre o acceso á información, a participación pública e o acceso á xustiza en materia de medio ambiente, é moi deficiente en todo o territorio español e precisa dun maior desenvolvemento normativo.
O camiño que adquire a Rede será o da creación dunha páxina web propia, o intercambio de información xurídica entre os integrantes e resolución de dúbidas xurídico-ambientais e a convocatoria dunha próxima reunión dentro duns meses para asentar unha base sólida da Rede.
Se pensa nun futuro convidar outros sectores relacionados co medio ambiente e non expresamente xuristas, como biólogos, ambientólogos ou xornalistas especializados na materia ambiental.