Amigos da Terra reivindica a necesidade de alongar a vida útil dos obxectos a través da reparación e a reutilización.
No Día Mundial do Consumidor Amigos da Terra sinala a necesidade de valorar os servizos que proporcionan os obxectos, máis que o produto en si mesmo. É necesario alongar a súa vida útil, optando por arranxalos, alugalos ou conseguilos de segunda man.
Amigos da Terra reivindica a importancia dun consumo responsable e a implicación de empresas e administracións para fomentar este modelo. A organización considera indispensable avanzar cara a unha economía circular que amplíe a vida útil dos produtos e loite contra a obsolescencia programada.
Amigos da Terra aproveita o Día Mundial do Consumidor para sensibilizar ás persoas consumidoras e empresarias sobre a importancia e necesidade de pór fin ao malgasto de recursos naturais, e denunciar a obsolescencia programada e percibida. Tan só no estado Español tíranse máis de 23 millóns de toneladas de residuos ao ano.
O patrón actual de consumo baséase en bens pouco duradeiros, difíciles de reparar e reutilizar. Neste contexto, ser un consumidor responsable é complicado, pero non imposible. Amigos da Terra cre que o papel da cidadanía como consumidora é clave e o motor básico para lograr un cambio na demanda e por tanto un cambio de hábitos.
“É necesario que nos plantexemos que consumo consideramos máis axeitado: un que fomenta a explotación de persoas e expolia recursos naturais, ademais de contaminar na produción dos produtos e no momento de tiralos, ou un consumo que alongue a vida útil dos obxectos, e evite estas situacións inxustas e innecesarias”, sinalou María Durán, responsable da área de Recursos naturais e Residuos de Amigos da Terra.
O directorio alargascencia.org pon en mans da cidadanía unha ferramenta práctica para atopar solucións contra a obsolescencia, identificando pequenos comercios que alongan a vida dos produtos. Desta forma non só se aforran cartos, senón que tamén se protexe o medio ambiente e evítanse abusos sociais e ambientais.
Na web de alargascencia.org ofrécense alternativas para o aluguer, venda e compra de segunda man, ou para a reparación, diferentes servizos que permiten seguir utilizando os produtos e alongar a súa vida. Pódense atopar desde establecementos dedicados a roupa, mobles, aparellos electrónicos ou electrodomésticos, en diferentes provincias do estado Español.
Con esta ferramenta, Amigos da Terra quere dar a coñecer alternativas ás persoas que non queren desfacerse dos seus obxectos sen tentar darlles outra oportunidade. Á súa vez busca ofrecer un recurso para a educación ambiental, a través de información sobre os beneficios ambientais e sociais dun consumo responsable.
Os primeiros pasos da xerarquía da xestión de residuos, a redución e a preparación para a reutilización, son os máis importantes para pór en práctica unha estratexia de consumo responsable e cero desperdicio de recursos naturais.
Amigos da Terra anima á cidadanía a utilizar e colaborar en Alargascencia, suxerindo novos establecementos, e insta o Goberno a traballar para aumentar estes modelos de negocio, que requiren dun uso menor de recursos naturais.