Vimos de presentar a ampliación do informe “Vantaxes da Compostaxe”, no que resaltamos as experiencias exitosas da aplicación da compostaxe en varios municipios.
Xa na primeira edición do informe, mostrabamos os beneficios da práctica da compostaxe, co foco posto na compostaxe, tanto doméstica como comunitaria. As vantaxes son cada vez máis coñecidas: a eliminación da necesidade do transporte ao xestionarse os residuos na casa, a obtención dun abono de calidade, que evita a compra de fertilizantes e o elevado potencial sensibilizador desta práctica, por non falar tamén do aforro que representa para os municipios.
Os entes locais poden poñer en marcha proxectos de compostaxe descentralizada, incentivalos, apoialos, etc. E existen varias experiencias exitosas que demostran os beneficios achegados por este tipo de proxectos.
Con todo, os proxectos descentralizados achegan solucións a municipios pequenos e dispersos, pero non poden acadar o 100% da poboación en municipios medianos e grandes cidades.
A fracción orgánica supón o 42% dos residuos municipais, e é, dos fluxos de residuos non perigosos, a que máis impactos xera tanto en vertedoiro como en incineradora, pola súa condición fermentable (é dicir, que se descompón e emite gases), e polo seu contido en carbono, precursor de dioxinas e furanos na súa queima. É facilmente reciclable (compostable), tanto, que é a única reciclaxe que se pode facer nos fogares, sen necesidade doutras tecnoloxías.
Pero sen unha separación en orixe, a fracción orgánica non serve para nada. Contamínase facilmente, perdendo a súa capacidade de converterse en abono/compost, e convértese directamente en residuos non recuperables, cuxo único destino pode ser o vertedoiro ou incineradora.
Coa posta en marcha da separación selectiva da materia orgánica soluciónanse varios problemas aos que agora, por normativa e por necesidades ambientais, é necesario poñer remedio. Serían:
- Facilitación da práctica da compostaxe, e obtención de abono de calidade.
- Posibilidade de mellorar os procesos de biometanización.
- Redución da cantidade de residuos con destino inevitable de vertedoiro e incineradora.
- Mellora da calidade dos residuos inorgánicos recollidos para reciclar, xa que se reduce a cantidade de impropios.
- Redución da emisións de gases de efecto invernadoiro producidas polos vertedoiros e incineradoras.
O sector dos residuos é significativo para as emisións difusas de gases de efecto invernadoiro, aquelas que non corresponden a unha soa instalación industrial, senón aos hábitos cotiáns de millóns de persoas, tales como o transporte, a agricultura ou a xestión dos residuos. A fracción orgánica dos residuos é o fluxo que maiores emisións provoca cunha xestión inadecuada do mesmo.
Por iso, consideramos imprescindible dar un paso máis na compostaxe descentralizada, e que esta xestión dos residuos compostables sexa a norma. Por tanto, na nova versión das Vantaxes da Compostaxe incluímos as diferentes opcións que teñen as entidades locais para recoller de maneira separada a fracción orgánica dos residuos municipais, a necesidade de poñer en marcha esta recollida, e unha listaxe de diferentes municipios do estado español que xa realizan esta recollida.
Consideramos imprescindible que os municipios aposten pola compostaxe municipal en paralelo á compostaxe descentralizada, en función das características de cada municipio. Este cambio na xestión conduce a resultados clave para o avance cara ao residuo cero, no que persegue minimizar ao máximo os residuos que non son compostables, reciclables nin reutilizables, reducindo así a dependencia de grandes infraestruturas de eliminación.