Amigos da Terra, en colaboración co Concello de Camariñas, ven de realizar dous cursos de iniciación á poda de froiteiras en dito concello, nos que as persoas participantes puideron achegarse ás técnicas de cirurxía arbórea e aos diferentes tipos de poda, imprescindibles para conseguir unha boa saúde nas súas froiteiras ou en calquera outra árbore.
O que en principio ía resultar un único curso, transformouse en dous, debido ao interese da veciñanza, realizándose un deles en Xaviña e o outro no núcleo urbano de Camariñas.
As preto de corenta asistentes, case vinte por grupo, asistiron, durante os días 8 e 9 de xaneiro, a unha formación teórica de seis horas de duración, na que profundizaron nos diferentes tipos de poda – de formación, de frutificación, etc… – e tamén nas diferentes técnicas a aplicar segundo a especie, para lograr obter, ano tras ano, colleitas sas e abondosas. Despertaron especial interese as técnicas de corte, o uso correcto das ferramentas e a realización da poda de frutificación dos kiwis, cultivo estendido polas terras da Costa da Morte.

Na seguinte semana, aproveitáronse un par de mañás para poñer en práctica os coñecementos teóricos previamente traballados. As prácticas realizáronse nas fermosas hortas da Casa Reitoral de Xaviña durante a xornada do venres 15 e na Horta da Romera en Camariñas durante a mañá do sábado 16.
