20151203 construcion bioxardineira nicaraguaA problemática do acceso á auga potable e o saneamento padécena diversos países ao redor do mundo e Nicaragua non é unha excepción. Amigos da Terra e o Instituto para el Desarrollo Humano (INPRHU), colaboran para mellorar a xestión da auga e o saneamento en zonas rurais vulnerables de Somoto, ao norte de Nicaragua, a través dun proxecto conxunto financiado a través do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

Para mellorar a xestión comunitaria da auga, traballaron durante meses da man coas comunidades, deixando como resultado a rehabilitación de 10 pozos, unha unidade sanitaria e 2 mini acueductos, que agora suministran auga de maneira directa a 180 familias da rexión.

O último pozo inaugurado é o da comunidade El Volcán. “Aquí había serios problemas de acceso tanto para chegar ao lugar como para ter auga. Agora as familias teñen tubaxe preto das súas casas”, asegura Santos González, técnico do proxecto en Somoto.

As enfermidades reducíronse notablamente dende que chega auga limpa aos fogares de El Volcán, e se promoveron hábitos de hixiene entre as comunidades. Nelba Peralta, quen ten dous nenos en idade escolar, está moi contenta co novo sistema de auga porque “agora os rapaces van máis cedo a clase e consomen auga limpa. Ademais, é menos perigoso xa que cando ían recoller auga arriscabámonos, porque resbalaba e podíamos ter un accidente”.

Logo da entrega de infraestrutura, o proxecto formou á poboación en temas diversos como hixiene e saúde, coidado e conservación de pozos e fontes, comunidade sa ou establecemento de viveiros para a reforestación das fontes de auga.

Gonzáles explicou que eles estableceron un diálogo coas comunidades aplicando a metodoloxía de “Familias, Escolas e Comunidades Saudables” (FECSA), para que todo funcione de maneira integral. É dicir, ademais de hábitos de hixiene persoais e familiares, como lavar as mans, os alimentos, ou os patios, existe conciencia e reparto de tarefas para a limpeza das fontes de auga das comunidades.

Dentro do proxecto tamén se creou o Viveiro “Las Lomas”, que emprega a mocidade cooperada e reforestará con árbores á contorna das comunidades para mellorar a xestión ambiental e fixar a auga nos solos e nas fontes. No viveiro hai 10 mil plantas pero polo de agora só se levaron 3.600 ás comunidades. “Fixemos reforestación en diferentes momentos, porque non serve de nada levar todas as plantas se ao final as familias aínda non están concienciadas na importancia da reforestación”, díxonos Amado Morazán, outro dos técnicos do proxecto.

O viveiro ten plantas como o Marango e o Mandagual, especies que teñen dobre propósito pois brindan osíxeno e captan carbono. Tamén, favorecen a apicultura xa que producen bastantes flores para as abellas. De feito, xunto ao viveiro, está a cooperativa Tepecsomoth conformada por 78 mozos que traballan no viveiro e a reforestación, e se adican tamén á apicultura. A principal actividade da cooperativa é a produción de mel, pero foron diversificándose para obter maiores ingresos e ofrecer máis produtos á poboación, como viño, café, marmeladas, salsa de tomate, fresas orgánicas, frijoles ou encurtidos. “Capacitamos á xente para traballar no viveiro, a reforestación e a produción de mel. Ademais, temos un laboratorio onde estudamos e melloramos a especie para incrementar a calidade na produción” detallou Juan Alberto Pérez, presidente de Tepecsomoth.

A participación activa das comunidades na xestión integral dos sistemas de auga permitirá a súa sostenibilidade no tempo, sen faltar as accións de reforestación, coidado e conservación das da fonte de auga.