Na Semana Europea de Prevención de Residuos Amigos da Terra dá a coñecer alternativas de consumo que alongan a vida útil dos produtos. Alargascencia é un directorio de establecementos de reparación, aluguer, intercambio e compra venda de artigos de segunda man. Alargascencia
Na Semana Europea de Prevención de Residuos, do 21 ao 29 de novembro, Amigos da Terra fai un chamamento á poboación sobre a importancia e necesidade de acabar co despilfarro de recursos naturais, denunciando a obsolescencia programada e percibida, e esixindo o incremento das porcentaxes de redución e reutilización de residuos por parte das administracións.
O patrón de consumo actual vén marcado por produtos pouco duradeiros, difíciles de reparar e reutilizar. Neste contexto, tanto o medio ambiente como a cidadanía convértense nos actores máis prexudicados. A reciclaxe non é suficiente para asegurar un consumo de recursos naturais sostible, debido ao incremento incesante do consumo. Amigos da Terra considera que o cambio de hábitos cara a un modelo máis responsable é un importante motor para avanzar cara a unha sociedade máis xusta e solidaria.
Por este motivo, Alargascencia.org pon en mans da cidadanía unha ferramenta para atopar solucións fronte á obsolescencia programada e percibida, alongar así a vida útil dos produtos e acadar non só un aforro económico, senón tamén ambiental.
A web, alargascencia.org, ofrece diferentes alternativas (aluguer, compra-venda de segunda man, reparación) de diferentes produtos (roupa, mobles, electrodomésticos) en distintas provincias do Estado Español.
Ao tratarse dun proxecto colaborativo, o número de iniciativas aumentará grazas á colaboración de persoas uarias, ás que a asociación invita a participar suxerindo novos establecementos.
Con esta ferramenta, Amigos da Terra quere ofrecer alternativas sinxelas a aquelas persoas que non queren considerar os seus obxectos residuos demasiado pronto, á vez que se torna como ferramenta de educación ambiental, con información sobre as vantaxes ambientais e sociais destes modelos de consumo.
Os primeiros eslabons da xerarquía de xestión de residuos, redución e preparación para a reutilización, son os máis importantes para poñer en marcha unha estratexia de Residuo Cero. Xa que logo, Amigos da Terra invita á cidadanía a utilizar e colaborar en Alargascencia, e ás administracións públicas a traballar polo incremento destes modelos de negocio, con baixo uso de recursos naturais.