Nyeleny2015 Foro AgroecoloxiaA través dun novo informe emitido polo Foro Internacional pola Agroecoloxía, o 13 de outubro, produtores e produtoras de alimentos a pequena escala de todo o mundo, que producen o 70% dos alimentos do planeta, presentan aos gobernos reunidos no Comité de Seguridade Alimentaria Mundial a súa primeira visión conxunta sobre a agroecoloxía para a soberanía alimentaria.

 

Segundo se cita no Informe do Foro Internacional pola Agroecoloxía celebrado no Centro Nyéléni de Malí o pasado mes de febreiro, as prácticas agroecolóxicas de pequenos produtores e produtoras “xeran coñecemento local, promoven a xustiza social, alimentan a identidade e a cultura e reforzan a viabilidade económica das zonas rurais”. “A agroecoloxía é política, esíxenos desafiar e transformar as estruturas de poder na sociedade. Debemos pór en mans dos pobos que alimentan o mundo o control das sementes, a biodiversidade, a terra e os territorios, a auga, os saberes, a cultura e os bens comúns”.

A visión conxunta foi elaborada mediante o diálogo das persoas produtoras de alimentos, entre as cales se atopaban campesiñas, pescadoras artesanais, traballadoras rurais, pobos indíxenas, cazadoras e recolectoras, pobos nómadas e pastoralistas, comunidades e consumidores/as urbanos/as. Todos estes colectivos alertan acerca da cooptación das corporacións a través de iniciativas como a agricultura climáticamente intelixente, que tratan de redefinir a agroecoloxía como un conxunto estreito de tecnoloxías, sen desafiar o sistema alimentario industrial ou as súas estruturas de poder. Ademais, esixen que as/os decisores políticos respecten e reforcen os seus procesos en lugar de apoiar ás forzas que os destrúen.

Co ánimo de reforzar o movemento agroecolóxico, as/os pequenos produtoras/es piden ás organizacións da sociedade civil que reforcen o movemento aprobando a Declaración do Foro Internacional pola Agroecoloxía! Así pois, as entidades que o desexen poden aprobar a declaración enviando unha mensaxe a nyelenideclaration2015@foodsovereignty.org