foto informe criminalizacion sementes GRAIN
Vía Campesina e GRAIN publican unha investigación sobre o control das corporacións privadas sobre as sementes. O informe “A criminalización das sementes campesiñas. Resistencias e loitas” analiza as leis e políticas públicas de máis de 30 países de África, Asia, América e Europa.

Os datos mostran que tres grandes corporacións controlan máis da metade do mercado mundial de sementes (Monsanto, DuPont Pioneer e Syngenta) e, entre as dez primeiras dominan tres cuartas partes do mesmo.

Como sinalan dende a Revista Soberanía Alimentaria en relación a este informe, “as sementes constitúen un dos piares insubstituíbles da produción de alimentos. Millóns de familias e de comunidades agrícolas crearon co seu traballo e coñecemento centos de cultivos e miles de variedades a partir delas. O intercambio cultural de sementes entre as comunidades e os pobos permitiu que a diversidade de cultivos se adapte a diferentes condicións, climas e topografías e así a agricultura foise estendendo, permitindo alimentar ao mundo cunha dieta variada”.

No informe destácase que dende a chamada revolución verde (iniciada nos anos 60) as empresas iniciaron un proceso de control das sementes contra o que loitan o campesiñado e os pobos indíxenas de todo o mundo. As leis que se aproban para permitir o control das sementes por parte destas grandes empresas, se caracterizan segundo a Revista Soberanía Alimentaria, por varios elementos:

a) Evolucionan constantemente e son cada vez máis agresivas. A través de novas ondas de presión política e económica (especialmente a través dos chamados tratados de libre comercio, os tratados de investimento bilaterais e as iniciativas de integración rexional), as leis sobre sementes e a protección de obtencións vexetais son revisadas continuamente para ser adaptadas ás novas esixencias da industria semillera e a biotecnoloxía.

b) As leis que ceden dereitos de propiedade sobre as sementes víronse reforzadas por outras normativas que supostamente deben garantir a súa calidade e a transparencia do mercado, ademais de evitar falsificacións, entre outras cousas. Estas normativas inclúen a certificación de sementes, a comercialización e as normas sanitarias. Con elas, empeza a ser obrigatorio que se adquiran ou utilicen unicamente sementes comerciais adaptadas á agricultura industrial, ou supoña un delito entregarlle sementes aos teus descendentes ou intercambialas cun veciño. O resultado é que as feiras e intercambios de sementes (que son unha crecente forma de resistir a estas leis) comezan a ser ilegais cada vez en máis países.

c) As leis sobre sementes están a impoñer como norma asumir a culpabilidade de calquera persoa que sexa acusada de non respectar os dereitos de propiedade sobre elas, tirando pola borda o principio de que as persoas son inocentes ata que se demostre o contrario. Nalgúns casos, pódense tomar medidas contra a persoa acusada sen que se lle comuniquen os cargos. Estas leis sobre sementes están a lograr que mesmo sexa obrigatorio denunciar ás presuntas cómplices, legalizando polo tanto os rexistros e a incautación de sementes ante unha mera sospeita (mesmo sen que sexa necesaria unha orde xudicial) e permiten que sexan axencias privadas os que leven a cabo estes controis.

d) Estas normativas son redactadas de xeito impreciso e cunha linguaxe incomprensible e contraditoria, deixando demasiado marxe para a súa interpretación. Na maioría dos casos, as leis pasan polas cámaras lexislativas en segredo ou a través de acordos internacionais que non se poden debater a escala nacional nin local.

Consulta o informe completo