20150623 xira agricultura biointensiva sementes en camasNo mes de xuño, técnicos de Amigos de la Tierra en El Salvador e Asociación Promoción para la Salud (PROMESA), socio local do proxecto que Amigos da Terra desenvolve actualmente no país, realizaron unha xira formativa por Nicaragua, unha oportunidade única de coñecer experiencias exitosas de agroecoloxía biointensiva e poder mellorar as iniciativas de agricultura ecolóxica familiar que se levarán a cabo en El Salvador.

 

O método biointensivo é unha práctica de agricultura ecolóxica a pequena escala orientada ao cultivo intensivo en pequenos espazos para cubrir as necesidades de familias e comunidades. Permite aumentar a fertilidade do solo de xeito sostible, preserva os recursos naturais, reduce o consumo de auga e o uso de combustible en agricultura, e compensa as causas e os efectos do cambio climático retendo grandes cantidades de carbono no solo e reducindo as emisións dos gases do efecto invernadoiro.

A capacitación foi dirixida polo Centro de Capacitación, Investigación y Demostración del Método Biointensivo de Cultivo en Nicaragua, Inc (CCID BioNica ), quen impartiu a formación inicial dos técnicos e coordinou visitas de campo para coñecer resultados deste método. Durante a estadía abordáronse, entre outros, aspectos como a planificación de hortas biointensivas, a preparación da terra, asociación e rotación de cultivos, a compostaxe biointensiva, a doble excavación, técnicas de permacultura para climas áridos ou plagas e enfermidades.

A xira permitiu formar ao persoal técnico do proxecto, e establecer contactos para o desenvolvemento de futuros talleres sobre este método en El Salvador, co obxectivo de iniciar experiencias piloto en hortas familiares impulsadas a partir deste proxecto.