
A cidade de Ourense acolleu entre os días 20 e 24 de xullo unha nova edición de “Axuda a vivir. Doa sangue e planta unha árbore“, iniciativa destinada a espertar a conciencia solidaria dos seus veciños e veciñas a prol da doazón de sangue e da conservación do medio ambiente.
A campaña “Axuda a vivir. Doa sangue e planta unha árbore”, que promoveron na cidade de Ourense a pasada semana “Amigos da Terra” e o Centro de Transfusión de Galicia (CTG), acadou un total de 180 doazóns de sangue, das cales un 8,88% (16 doazóns) correspondéronse con persoas que, por vez primeira, facían unha doazón de sangue.
A iniciativa, que tivo lugar entre os días 20 e 24 de xullo, tentaba acadar un dobre obxectivo: mellorar a información dos cidadáns sobre a doazón de sangue, un xesto solidario indispensable para o correcto desenvolvemento do labor asistencial dos hospitais galegos, así como provocar unha especial sensibilidade social a prol da conservación do medio ambiente.

Labor de concienciación
Cada día en Galicia son necesarias 500 doazóns de sangue para que os nosos hospitais podan realizar unha media de 500 intervencións cirúrxicas, atender máis de 3.000 urxencias e realizar tres transplantes de órganos ou tecidos.
Esta actividade se traduce nunha mellor calidade de vida para todos os cidadáns, pero para iso tamén resulta necesario preservar en óptimas condicións o noso entorno natural, polo que debemos participar e promover actividades destinadas a crear unha conciencia proclive á conservación do noso medio ambiente.
O Centro de Transfusión de Galicia e Amigos da Terra queren amosar o seu agradecemento as persoas que participaron nesta iniciativa que se leva a cabo dende o ano 2000 e que fomenta a conciencia solidaria dos cidadáns, así como as diferentes institucións, organizacións, colectivos sociais e medios de comunicación que colaboran no desenvolvemento de iniciativas destinadas a promover este xesto solidario.