451631 318396 banderas UEAmigos da Terra, xunto a Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, SEO/BirdLife e WWF valoran moi negativamente a eliminación dos paquetes lexislativos de economía circular e de aire limpo

Na presentación do seu plan de traballo para 2015, a Comisión Europea fixo oficial hoxe a eliminación de 80 normativas pendentes, entre as que se encontran os paquetes relativos a economía circular e calidade do aire.

Esta decisión de renunciar a avances na eficiencia dos recursos naturais e a calidade do aire que respiramos entra en contradición total coa súa intención declarada de crear postos de traballo, mellorar a economía europea e manter altos niveis de protección social, ambiental e da saúde.

A economía circular, que supón pechar o ciclo dos materiais mediante a reintrodución dos recursos contidos nos residuos no proceso de produción e no mercado, resulta fundamental para incrementar a eficiencia no uso de recursos naturais. A Unión Europea é consciente do reto que representa para a súa economía o abastecemento en materias primas e a crecente inseguridade de subministracións, co correspondente incremento dos custos: na última década, o seu prezo aumentaron un 150%. A propia Comisión Europea fixo seu a principios de 2014 o dato dun aforro potencial de 630.000 millóns de euros ao ano para a industria europea grazas a un mellor uso dos recursos e prevía a creación de 180.000 novos postos de traballo adicionais coa proposta posta sobre a mesa.

reciclaje

O abandono deste paquete de medidas non ten polo tanto ningunha lóxica económica. Este propoñía unha revisión das Directivas de Residuos, establecendo porcentaxes ambiciosas de reciclaxe para 2030 así como a prohibición da vertedura en 2025, a obriga da recollida selectiva en orixe dos biorresiduos e a redución do 30% dos residuos alimentarios. Un claro paso adiante para saír da absurda situación actual na que preto do 60% dos recursos contidos nos residuos se desperdician en vertedoiros ou incineradoras a nivel europeo. Tamén un claro avance na protección do planeta, onde os recursos naturais son cada vez máis escasos.

Resulta totalmente antidemocrático que a Comisión Europea decida de forma unilateral poñer fin aos debates nesta materia: 11 Estados membros expresaron o seu apoio ao Paquete, entre eles España; por outro lado, a revisión das Directivas de residuos plasmaba decisións xa tomadas no marco do 7º Programa de Acción en materia de Medio, establecendo polo tanto mandatos dos Estados membros e o Parlamento Europeo. O anuncio da Comisión de presentar outro paquete “máis ambicioso” de economía circular a finais de 2015 resulta moi pouco crible, dado que o que elimina contaba cun apoio maioritario da sociedade civil.

Moi grave resulta tamén a ambigüidade en relación ás novas medidas para mellorar a calidade do aire dos europeos, sen descartar que en realidade esteamos ante unha posible suspensión da súa aplicación que non se quere recoñecer. E o máis paradoxal e preocupante é que esta decisión se adopta xusto despois de coñecerse dous estudos da Axencia de Medio Ambiente Europea que poñen sobre a mesa uns datos demoledores. Por un lado, o informe Air quality in Europe -2014 report concluía que a contaminación do aire provoca a morte prematura de 450.000 europeos cada ano. E por outro, a investigación Costs of air pollution from European industrial facilities – an updated assessment, deixaba claro que o custo económico da contaminación de orixe industrial era tremendo e supoñía aos europeos ata 190.000 millóns de euros ao ano, moito máis que as medidas dirixidas a minimizar esta contaminación, como as que agora se deixan sen concretar.

A nova directiva de teitos de emisión nacionais aspiraba, por exemplo, a poñer couto aos seis principais contaminantes, de modo que se establecía un prazo para ir reducindo as emisións máximas destes contaminantes ata 2030, onde se deberían alcanzar uns niveis menos prexudiciais para a saúde. Deste modo, aínda que a partir dunhas propostas claramente mellorables, establecía unhas regras comúns para evitar o dúmping ambiental, e que as plantas máis sucias tivesen unha vantaxe con respecto a aquelas que utilicen procedementos máis limpos, algo que agora queda en dúbida para desgracia da saúde dos europeos.

A decisión da Comisión de eliminar estas dúas normativas ambientais acompañada de afirmacións nas que se declara que só se traballará en temas importantes, denota a visión cortoplacista e anticuada da nova Comisión Europea. Non soubo entender que unha economía ás costas do medio está abocada ao fracaso.

Ante este panorama, as organizacións ecoloxistas instan o Goberno español a tomar as rendas, e aplicar medidas ambiciosas para a protección ambiental e a saúde e o benestar das persoas, nas que se inclúa unha axeitada xestión dos recursos naturais e residuos, e o respecto ao dereito das poboacións de respirar aire limpo.