talas chopos 01Amigos da Terra Galicia denuncia a corta polo pé de cinco chopos -Álamo branco- Populus alba- fronte a Facultade de Ciencias da Educación (Edificio de Ferro), Rúa Doutor Temes na cidade de Ourense. O Concello de Ourense comezou fai uns días unha cruzada contra o patrimonio arbóreo sen xustificación, sen sensibilidade, nunha demostración máis da falla de políticas medio ambientais que fomenten a sustentabilidade e a conservación do pouco patrimonio natural con que conta a cidade.

Os cinco exemplares de chopos brancos que estaban fronte a Facultade de Ciencias da Educación non estorbaban, eran exemplares de grandes dimensións e menos un que si tiña partes afectadas por fungos e podredumes os outros catro exemplares estaban en perfectas condicións.

Lembrar que as cidades que teñen/promoven políticas medio ambientais e que fomentan a sustentabilidade dos seus recursos naturais co desenvolvemento económico, unha das súas primeiras actuacións consiste en catalogar o seu patrimonio arbóreo, facer un seguimento do estado de saúde das árbores, coidar e realizar tratamentos axeitados para curar as árbores que poidan estar enfermas, actuacións que se complementan con campañas de sensibilización/educación cara a poboación.

talas chopos 02

De forma inxustificable o Concello de Ourense ten destruído varios exemplares de árbores nos últimos días, actuacións incompatibles coa imaxe dunha cidade que se dí “termal”, cunha cidade que polo seu potencial, pola súa situación xeográfica e polos valores naturais con que conta podía ser unha das referencias de desenvolvemento sustentable en Galicia.

Dende Amigos da Terra consideramos que son horas de que o Concello de Ourense cree o Consello de Medio Ambiente. Que o Concello catalogue o patrimonio arbóreo con que conta a cidade. Que o concello antes de destruír as árbores que son patrimonio da cidade busque o asesoramento necesario e non proceda como ten feito ate o de agora talando polo pé exemplares únicos como os cinco chopos destruídos na Rúa Doutor Temes. As árbores non son un estorbo, son parte da cidade e a súa conexión coa natureza.

Amigos da Terra vai a solicitar ao Concello de Ourense a paralización inmediata destas actuacións e a creación do Consello de Medio Ambiente, consello longamente prometido e a día de hoxe aínda non constituído. A protección do patrimonio arboreo da cidade é posible e compatible co desenvolvemento económico da mesma.