
Fai dúas semanas que a Deputación de Ourense comezou o arranxo da OU 1114, o primeiro que se fixo foi a explanación dos laterais da estrada, destrución das paredes de pedra e a tala polo pé de árbores centenarias (principalmente carballos do país).
A OU 1114 é a única estrada das que queda na Limia que mantén a tipoloxía das vías de comunicación de cando existía a Lagoa de Antela. Unha estrada que descorre na súa maior parte pola Reserva da Biosfera da Área de Allariz, pasa a carón do Monumento Natural “Carballa da Rocha” e pola ZEPA de A Limia. Estas actuacións promovidas e orzamentadas pola Deputación de Ourense supoñen unha forte agresión ao patrimonio arbóreo, aos ecosistemas naturais da Limia e altera gravemente a Reserva da Biosfera declarada pola UNESCO.

Consideramos, dende Amigos da Terra, que son horas de que as administración públicas de Galicia compatibilicen o desenvolvemento das necesarias infraestruturas coa protección do patrimonio natural. Non se pode seguir estragando o patrimonio natural incumprindo a normativa medio ambiental máis básica. Non se pode seguir atentando contra o patrimonio arbóreo. Non se pode promover a declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade mentres que unha zona xa catalogada como tal pola UNESCO sofre esta grave agresión aos seus valores naturais, etnográficos e culturais.
Amigos da Terra vai a solicitar a Deputación de Ourense a paralización inmediata das obras e ao mesmo tempo que o proxecto de arranxo da OU 1114 sexa compatible coa protección dos valores naturais, etnográficos e culturais polos que descorre esta estrada. Consideramos que é posible e resulta imprescindible.
Pódense ver máis fotos aquí >>>