
Amigos da Terra preparou 11 viñetas para explicar as consecuencias do tratado comercial que negocian Estados Unidos e a Unión Europea. A metáfora do Cabalo de Troia para representar o TTIP serviu de fío para a tira cómica trazada nestas dúas últimas semanas. Cada viñeta foi acompañada dun artigo que permite afondar en cada un dos problemas formulados có fin de informar sobre un acordo revestido de absoluto secretismo.
O tratado transatlántico de Comercio e Investimentos entre Estados Unidos e a Unión Europea (coñecido como TTIP polas súas siglas en inglés) parece un tema afastado do día a día da cidadanía. Sen embargo, un acordo destas características ten consecuencias para a vida cotiá de todas as persoas en Europa, dende a comida que se compra ata acudir ao médico; o tratado influirá na economía de todas as familias e das pequenas e medianas empresas, e non será para sacalas da crise.
As negociacións do TTIP estanse a caracterizar por unha gran falta de transparencia, a pesar das peticións da sociedade civil que reclama a participación cidadá neste grande acordo, que pon en xaque os dereitos europeos. Os documentos filtrados, as declaracións dalgúns dos implicados e as consecuencias doutros tratados similares fóra da UE están a botar luz sobre as intencións dos negociadores.

As viñetas da saga “TTIP Secret: Non ao Tratado de Troia” intentan recoller algúns dos problemas principais do tratado, dende a perda de dereitos laborais e servizos públicos, á opacidade nas negociacións e a rebaixa en multitude de normativas europeas. Amigos da Terra non se esquece de destacar as súas consecuencias na alimentación e no sector eléctrico: a entrada masiva de transxénicos, de polo clorado, carne con hormonas e outras substancias nocivas para a saúde, así como a importación de gas procedente do fracking ou a continuidade dos combustibles fósiles, obviando a necesidade de avanzar cara a unha sociedade baixa en carbono.
Outras viñetas ilustran o gran poder que se lle concede ás multinacionais. Todo o acordo, ao rebaixar os estándares de saúde e medio entre outros, confire privilexios ás grandes empresas sen importar as repercusións para as persoas nin as consecuencias para as pequenas empresas. Pero ademais, preténdese incluír un mecanismo de resolución de controversias entre investidores e estados, unha ferramenta de arbitraxe internacional, que permitirá ás empresas estranxeiras a posibilidade de esixir indemnizacións millonarias aos Gobernos.
Amigos da Terra é consciente das trabas coas que se encontran os movementos sociais para informar a cidadanía, dada a complexidade do tratado. Por este motivo, creou estas viñetas que, en poucas palabras, mostran algunhas das consecuencias máis graves do tratado e que, ademais, moven á cidadanía a compartir a información. É fundamental que a xente coñeza as repercusións do acordo e poida actuar antes de que sexa demasiado tarde.
Hai dúas semanas tiñan lugar centenares de mobilizacións en contra do TTIP, nas que participaron centos de miles de persoas por toda Europa. A última viñeta da saga de “TTIP Secret, No ao Tratado de Troia”, precisamente fai un aceno á cidadanía e a a súa capacidade para transformar o escenario no que nos encontramos: “A historia non remata aquí, o seu desenlace está en mans da cidadanía”.
Máis información: