Con motivo da súa participación na Xornada de Pesca Sustentable, Amigos da Terra e Enxeñería Sen Fronteiras recibiron en setembro a visita de tres pescadoras artesanais procedentes de Honduras, Nicaragua e El Salvador. Fátima Rubí, do Comité para la Defensa y Desarrollo de la Flora y Fauna del Golfo de Fonseca, (CODEFFAGOLF); Eugenia Alejandrina Villalta, da Asociación de Pescadores y Mariscadores de la Unión (ADEPESMABU) e da cooperativa de mulleres Nuevo Puerto de RL; e Aleyda María Alvarado, da Cooperativa de Pesca Artesanal Hombres y Mujeres Esforzados estiveron de xira por Galicia unha semana, co obxectivo de coñecer a realidade pesqueira de distintas cidades galegas.
Entre as as citas programadas, o 18 de setembro as pescadoras recalaron Vigo, onde realizaron visitas guiadas ao Porto Pesqueiro e á Axencia Europea de Control da Pesca. Na súa visita ao Porto Pesqueiro, as mulleres puideron coñecer o funcionamento das lonxas de altura e baixura, ver cáles son as especies que se comercializan e asistir a unha subasta de peixe. Todas elas sorprendéronse ante as diferencias na comercialización dalgunhas especies. Así pois, a pesares de que o polbo, o calamar ou o peixe sapo tamén poden atoparse no Golfo de Fonseca, non son comercializadas nin contan con valor comercial, como acontece en Galicia.
Trala visita ás instalacións, as tres mulleres puideron compartir unha conversa coa Directora da Autoridade Portuaria de Vigo, Beatriz Colunga; a Responsable de Relacións Externas e Comunicacións do Porto Pesqueiro, Marián Vidal; o Responsable de Medio Ambiente, Carlos Botana; e o Responsable de Explotación Pesqueira, Carlos Losada. Nun ambiente distendido, pudieron compartir as súas impresións da visita, e trasladar as súas inquedanzas polas problemáticas ambientais que afectan aos mangalres do Golfo de Fonseca (deforestación, contaminación, etc).
Rematada a visita ao Porto Pesqueiro, a mañá continuou cunha reunión na Axencia Europea de Control da Pesca, onde se presentaron as principais labores que realiza este organismo e as caraterísticas fundamentais da Política Pesqueira Común. No encontro tiveron ocasión de comentar e contrastar o funcionamento e o control institucional da pesca industrial, en comparanza coa situación de certa desregulación na que se atopan algunhas das súas rexións. Por outra banda, tamén puideron comentar algunhas iniciativas de rexistro e control de poboacións de distintas especies pesqueiras e os proxectos de explotación sustentable que están levando a cabo coas cooperativas pesqueiras nas que se integran, destacando a importancia da conservación e a recuperación ambiental para o mantemento do sector pesqueiro artesanal.
