earth-day

Mañá, día 22 de Abril celébrase como cada ano o Día da Terra, e dende Amigos da Terra queremos invitarvos a unha xornada de debate aberto e actividades sobre os  problemas derivados do sistema actual de xestión de residuos en Galicia e as maneiras de mellorar a calidade dos nosos solos, a pel do noso planeta, na nosa horta ecolóxica comunitaria   de O Polvorín.

 

 

O modelo actual de xestión de residuos en Galicia está obsoleto, esgotado e resultou ser un gran fracaso, por iso, dende Amigos da Terra, traballamos todos os días demostrando que existen alternativas viables que funcionan e están ao noso alcance.

 

Hoxe toca un cambio, e cada vez son máis os Concellos, asociacións, centros de ensino ou veciñas/os, que apostan por ese cambio na xestión dos seus residuos, sumándose  a redución, á reutilización ou á compostaxe.

 

 Queremos organizar unha xornada aberta na que falar deste tema e outros e formar e capacitar a todas as persoas que o desexen na técnica da compostaxe. Para isto, ás 17.00h comezaremos construindo un composteiro a partir de materiais reciclados (pallets) e falaremos do mellor xeito de mantener o compost para un rendemento rápido e de calidade.

 

Falaremos tamén de lombricompost,  teremos unha dinámica aberta  de ideas para reducir residuos nos nosos fogares, nos traballos, na cidade, etc

 Paralela  e complementaria a esta actividade, achegaremonos máis aínda á terra a través dunha práctica de cultivo, baseada na creación dun bancal elevado cunha técnica experimental de cultivo (Hugelkultur) que pretende diminuir a necesidade de engadir compost ou incluso regar os cultivos.

 

 Para a actividade, pedímosvos a todas a vosa colaboración, aportando unha bolsiña cos residuos orgánicos de orixe vexetal que teñades na casa; así, entre todas, faremos comezar o proceso da compostaxe no día da Terra.