Fronte ao anuncio de Sogama, da subida nun 34% o prezo da xestión do lixo, o Concello ourensán de Taboadela, responde buscando unha alternativa e pon en marcha un programa de compostaxe doméstica dirixido a 100 vivendas de todo o Municipio .
O obxectivo deste proxecto é o de reducir os residuos orgánicos producidos no Concello, obter un abono de calidade, reducir os custes de xestión e concienciar á cidadanía da problemática asociada aos residuos.
Para isto, mañá venres terá lugar unha charla informativa dirixida a veciños e veciñas do Concello, no que se dará a coñecer o proxecto, explicaranse as vantaxes e o proceso, e todas as persoas que o decidan, poderán inscribirse para pasar a formar parte do mesmo.
Unha vez completadas as inscripcións, pasarase á selección de vivendas participantes e dará comexo o proceso, cunha xornada formativa e o reparto de maneira gratuita, dun composteiro a cada familia participante e un manual de compostaxe para coñecer máis do proceso.
Os veciños/as, contarán co asesoramento técnico persoalizado a domicilio e por teléfono, por parte de Amigos da Terra.
Os requisitos necesarios para poder participar neste proxecto son: Ser veciño/a de Taboadela, habitar unha vivenda cun pequeño terreo, xardin ou horta ao lado e estar disposto e motivado a participar do proxecto.