Non queremos moscas transxénicas no aceite de oliva.
A empresa Inglesa Oxitec, solicitou autorización para soltar moscas transxénicas en oliveirais da provincia de Tarragona. As moscas, son o produto dunha investigación que a empresa realizou en laboratorio durante 3 anos.
Os insectos foron modificados xenéticamente para que, cando se reproduzan, as larvas femia morran antes de chegar ao estado adulto.
A empresa argumenta que deste xeito, pódese chegar a lograr unha diminución moi importante da poboación de mosca e, polo tanto, das pragas que ocasiona. Trataríase da primeira solta en liberdade de organismos modificados xenéticamente en Europa.
A Unión Europea é líder global no mercado olivareiro, cunha produción que alcanza o 70% do total. En concreto España, é un dos principais países produtores, cun 36% do total de aceite de oliva do mundo. Tendo en conta estes datos, está claro que a industria olivareira xoga un papel fundamental na economía do país, e a mosca pode chegar a ocasionar perdas nos cultivos de ata o 10%. Polo tanto, resulta evidente que é necesario establecer certo control sobre a poboación deste insecto, pero, é realmente a mosca transxénica unha solución real ao problema?
Danos sobre o medio ambiente
Os experimentos que realizou Oxitec coa mosca da oliva redúcense ao ámbito do laboratorio; a propia empresa afirma que “non podemos predicir os resultados cando os probemos en campo aberto”, polo que se mantén unha gran incerteza sobre cal será o seu impacto sobre o medio e sobre o resto de especies.
A mutación mortal só afecta aos individuos femia, polo que os machos son capaces de dispersarse e criar, podendo provocar a perda de identidade xenética da especie.
Así mesmo a multinacional non achega ningún dato no seu informe sobre a toxicidade que pode ter a mosca sobre outras especies nin de que especies haberá no lugar de liberación da especie trasnxénica.
Perigos para a saúde humana
As femias da mosca depositan os seus ovos nas olivas. Ao cabo de 6 ou 7 días eclosionan e comeza a desenrolarse a larva. Cando esta morre, queda dentro da oliva, podendo incorporarse dese modo un organismo transxénico ao proceso produtivo do aceite ou da oliva de mesa, o que implica que sería posteriormente inxerido polos consumidores.
Ademais Oxitec conta con que os réptiles, pequenos mamíferos e ata aves insectívoras estean presentes no lugar de experimentación, o que provocaría que as moscas puidesen ser inxeridas polos seus depredadores naturais, e dese modo o organismo transxénico pasase a incorporarse na cadea trófica.
Dubidosa efectividade
Existen varias incógnitas sobre o funcionamento deste método de control poboacional, que nos fai dubidar da súa efectividade real no medio natural.
O método non impide que as larvas crezan e se alimenten da oliva, xa que a morte da mesma produciríase a final da fase larvaria, polo que o dano á oliva prodúcese igualmente.
Tamén hai que ter en conta, que eliminar a poboación de mosca dunha zona, podería provocar que se desprazasen os individuos da mesma especie das zonas próximas, ao non ter competencia para atopar comida.
A mosca da oliveira tamén compite polo espazo con outras especies que se alimentan da oliva, como a polilla da oliveira ou a cochinilla da tizne. Estas especies, ocuparían o lugar deixado pola mosca podendo ocasionar novas pragas máis destrutivas para as plantacións.
A propia empresa recoñece que o mecanismo de morte da mosca non é efectivo ao 100%, xa que a eficiencia do sistema diminúe en presenza do antibiótico tetraciclina, utilizado habitualmente en agricultura e mediciña.
Unha solución viable
Existen moitos outros recursos para o control da mosca, máis respectuosos co medio e coa saúde das persoas:
– Os agricultores ecolóxicos en España usan a trampa OLIPE, que pode manter o dano da mosca da oliveira moi por baixo do 10%. A trampa está feita cunha botella de plástico que contén unha solución de fermentos cebo.
– Tamén se poden utilizar trampas de feromonas, que teñen un uso moi estendido incluso a nivel doméstico.
– Técnica de Esterilización de Insectos (TEI), que consiste en radiar a individuos macho da mosca, co obxectivo de esterilizalos e que dese modo a poboación perda en gran medida a posibilidade de multiplicarse.
É certo que as trampas por si soas non reducen o dano suficientemente para a produción de aceite de oliva de calidade, pero si que poden dar bos resultados combinadas con fumigacións con hidróxido de cobre (un funxicida-bactericida moi usado e permitido en agricultura ecolóxica e tradicional).
Doutra banda, o principal colectivo afectado por todo isto, o dos agricultores, teme as consecuencias dun ensaio suxeito a poucos controis e que pode devastar as oliveiras. “Estamos preocupados porque teremos dous tipos de mosca: a transxénica e a que non e non sabemos que pasará cando se atopen, se se aparearán, se non, se teremos o dobre de picadas na oliva.”
A multinacional inglesa Oxitec viu en España un gran potencial para vender masivamente o seu produto transxénico, pero se topou neste caso coa obstrución tanto dos agricultores como dos colectivos ecoloxistas e naturalistas, que se opuxeron radicalmente ao que se podería converter nun gran desastre ambiental e económico para o país.