Dende Amigos da Terra consideramos que na elaboración do borrador do decreto polo que se regulan as instrucións xerais de ordenación de montes de Galicia, non se garante a participación pública dos axentes sociais representativos do sector, eixo básico da política forestal e medio ambiental da Unión Europea e en teoría da propia Xunta de Galicia, xa que non foi debatido e consensuado no Consello Forestal de Galicia.
Unha vez analizado o conxunto do Decreto de ordenación de montes de Galicia, pódese resumir que o único obxectivo que se pretende é: “realizar ordenacións rápidas e baratas”.
Pódese afirmar que o máis relevante deste decreto é que en realidade eliminase o que se coñece ate o de agora como “Proxectos de Ordenación de Montes”, reducindo os requirimentos técnicos.
Non se cumpre co que ten que ser unha xestión forestal sustentable dos montes, nin se adaptan os instrumentos de ordenación ou de xestión forestal a realidade do monte de Galicia, perdéndose a oportunidade de ordenar os montes como fonte de recursos, provedor de servizos, santuarios de biodiversidade, reguladores do ciclo da auga, da protección dos solos, de garantir a súa conservación para as xeracións futuras.
O marco normativo que se viña aplicando ate o de agora para a ordenación de montes, (definido pola Orde de 29 de decembro de de 1970 pola que se aproban as instrucións xerais para a Ordenación de Montes Arborados e as normais xerais para o estudo e redacción dos plans técnicos (Orde de 29 de xullo de 1971)), despois do paso do tempo é evidente que precisan dun axeitamento a realidade e aos condicionantes dos montes de Galicia.
Na práctica o que se fai e eliminar as antigas (IGOMA de 1971), que seguen presentes coas súas correspondentes revisións e actualizacións nas novas instrucións nos territorios do resto do Estado coma en Castela-León, Madrid, Andalucía… mentres que Galicia segue un camiño distinto e errático.
Toda ordenación, ten como fin organizar en tempo e espazo as actuacións necesarias para transformar e adaptar o estado do monte de acordo cos obxectivos propostos no método (de produción ou de protección, segundo os casos). Neste senso, é preciso o establecemento de unidades de inventario fixas (cantóns e rodais de ordenación), sobre os que hai que programar as actuacións que se estiman oportunas, e sobre os que avaliar en cada plan especial (10 anos) o grao de consecución dos obxectivos. Isto desaparece das instrucións, nas que se considera a formación de unidades de actuación temporais, planificando actuacións a 10 anos, sen ter en conta unha programación a longo prazo.
O decreto que se pretende aprobar impide o desenvolvemento sustentable dos montes e dos ecosistemas forestais de Galicia, soamente se preocupa de facilitar que as ordenacións dos montes de Galicia se poidan facer o máis axiña posible e con custes baratos

Dende Amigos da Terra vimos de solicitar que se se retire o proxecto de “Decreto polo que se regulan as instrucións xerais de ordenación de montes de Galicia” por ser desaxeitado e non supor ningunha mellora do que ten que ser unha ordenación de montes que teña como obxectivo a xestión sustentable dos seus montes, e tamén por non cumprir cos criterios dos que teñen que ser uns principios mínimos de desenvolvemento socioeconómico de Galicia como é o de fixar poboación no medio rural.
Tamén demandamos que dito decreto sexa sometido a debate dentro do Consello Forestal de Galicia para que as organizacións que integramos o mesmo poidamos facer as achegas que melloren e axuden a ter un decreto que regule de forma axeitada o aproveitamento sustentable dos montes de Galicia.