aula_peq

O centro de educación ambiental de Amigos da Terra “As Corcerizas” foi un dos gañadores internacionais do premio de Hostelling International para proxectos dirixidos a mellorar o patrimonio natural a través da redución de emisións de carbono. O premio dotado con 24.800 libras (arredor de 30.000 euros) dará continuidade ao proxecto de soberanía enerxética iniciado xa fai más de dez anos.

As Corcerizas foi elixido ganador, obtendo o segundo premio, entre os albergues de todo o mundo pertencentes á rede internacional de albergues xuvenís. A votación definitiva realizábase entre os 15 centros finalistas, na que participaban países como Estados Unidos, Brasil ou China. As tres iniciativas máis votadas foron as gañadoras dos premios da rede, que lles permitirán mellorar a sostibilidade dos seus centros e arredores: Reino Unido, España e Estados Unidos.

O premio dará continuidade e difusión ao proxecto, a través das seguintes accións:

  • Instalación dun pequeno muíño eólico
  • Monitorización de todas as enerxías alternativas do centro: eólica, solar fotovoltaica e microhidráulica
  • Construción de muros radiantes de barro crú como sistema eficiente de calefacción
  • Posta en marcha dun programa escolar que permita coñecer e divulgar estas alternativas posibles

Grazas a este premio As Corcerizas será unha illa enerxética na súa totalidade solidificándose como exemplo de sostibilidade e xa non só en España, senón a nivel mundial.

Este premio é un recoñecemento ao traballo de todas as persoas traballadoras e voluntarias que coa súa profesionalidade, esforzo e motivación conseguiron sacar adiante un proxecto 100% renovable e democrático. Así se pon de manifesto a viabilidade dun centro autoxestionado que funciona á marxe da rede eléctrica. Queremos dar as grazas a todas as persoas que apoiaron ás Corcerizas e que fixeron da utopía unha realidade”, recalca Analía Moares, responsable do centro.