Diante do incremento do número de incendios forestais en Galicia Amigos da Terra considera imprescindible unha reunión urxente do Consello Forestal de Galicia.
Tendo en consideración a situación creada polos incendios forestais nos últimos días, incendios que teñen calcinado multitude de ecosistemas forestais, algúns destes incendios afectaron a zonas de alto valor medioambiental, tamén produciron graves danos económicos, efectos sociais, dano ao noso patrimonio…
Os incendios forestais que están afectando aos montes de Galicia non deixan de ser unha crónica anunciada, tendo en conta a experiencia acumulada ao longo dos últimos anos, tal e como de forma reiterada lle temos manifestado nas reunións do Consello Forestal os representantes de Amigos da Terra Galicia.
Amigos da Terra ven de solicitar unha reunión urxente do Consello Forestal de Galicia para analizar a situación actual e a creación inmediata dunha Mesa de Traballo sobre os Incendios Forestais, mesa na que ademais dos membros do Consello Forestal se debe facer extensible a outras personalidades e representantes do sector forestal, medioambiental e social de Galicia para atopar solucións a este grave problema económico, ecolóxico e social.
Observando as declaracións que estes días teñen realizado nos medios de comunicación dende o Sr. Presidente da Xunta de Galicia, a Sra. Conselleira do Medio Rural e do Mar, o Sr. Vicepresidente da Xunta de Galicia, alcaldes e demais representantes políticos e sociais de Galicia onde inciden na necesidade de buscar solucións aos problemas do incendios forestais mediante o diálogo e o consenso, dende Amigos da Terra Galicia temos claro que hai propostas e hai solucións a este grave problema que afecta ao conxunto do País.
Por último, dende Amigos da Terra queremos facer unha reflexión por todos coñecida e de sentido común, mais moi pouco posta en práctica “É posible solucionar os erros do pasado mediante o diálogo e a participación do conxunto da sociedade”. Máis de 40 anos de fracasos na loita contra os lumes forestais en Galicia deben de ser mais que suficientes para atopar solucións ao mais grave problema medio ambiental que ten o noso país.
Hai que poñerse a traballar xa en cambia-la política de explotación forestal, isto estasenos a ir das mans. ¿Qué Galicia lles imos deixar os nosos fillos e netos? ¿Unha inmensa plantación de piñeiros i eucaliptos tan só interrumpida por hectáreas queimadas? Hai que traballar por educar á xente do rural, outras especies madereiras son moito máis rentables no medio prazo. Hai que presionar ós políticos, sacr á luz os seus chanchullos coas empresas madereiras, se non van acabar con todo.