A canteira, da que a empresa Minor Galicia, S.L. solicitou permiso de investigación, afecta aos concellos de Redondela, Pazos de Borbén e Soutomaior
Amigos da Terra, xunto con máis de 30 colectivos entre asociacións de veciños, comunidades de montes, comunidades de augas, asociacións culturais e ecoloxistas, presentaron 3000 sinaturas que mostran o rexeitamento á apertura dunha explotación extractiva que abrangue 14 cuadrículas mineiras para a investigación de granito ornamental e que se sitúa nos termos municipais de Pazos de Borbén, Redondela e Soutomaior.
Dende un punto de vista medioambiental, as alegacións baséanse no impacto visual e paisaxístico que causa unha explotación mineira a ceo aberto xunto á causación de danos ambientais á que inevitablemente vai vinculada unha actividade destas características, non só pola propia extracción do mineral, senón tamén pola construción de edificacións anexas á explotación, apertura de pistas para o transporte do material, o ruído derivado da extracción mediante explosivos e a contaminación por exceso de po o que provoca unhas condicións prexudiciais para a poboación que vive nas súas proximidades.
Fonte: Amigos da Terra. Montes situación canteira
Alén disto, unha das maiores agresións ao medio ambiente que causa unha actividade mineira é a habilitación dunha zona onde van parar os residuos ou sobrantes da extracción do material descartado e que se denomina escombreira. En Galicia, na maioría dos casos estas escombreiras están mal xestionadas e son ilegais, poucas delas son investigadas e menos aínda, sancionadas e nembargante, son unha das principias causas de perda de biodiversidade xeral.
Esta explotación mineira, ademais, afecta a patrimonio cultural galego, por canto existen restos arqueolóxicos emblemáticos como a chamada pedra Taió que da nome a unha ruta de sendeirismo homologada pola administración galega ou a pedra que Fala.
Fonte: Amigos da Terra. Pedra que Fala
Finalmente, a asociación ecoloxista galega entende a non sostibilidade da actividade que afectará negativamente aos recursos naturais dos montes comunais dos concellos afectados, Redondela, Pazos de Borbén e Soutomaior.
Todos os colectivos seguirán na loita do recoñecemento administrativo de que o interese que debe primar, é o interese xeral e non o interese empresarial.