A Plataforma Ríos Limpos, da que forma parte Amigos da Terra, denuncia publicamente a destrución dun bosque centenario (1,2 hectáreas-12.000 metros cadrados) na cabeceira do Río Arnoia pola construción dunha pista de acceso ao túnel Porto-Prado (Vilar de Barrio) obra adxudicada polo Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) a UTE (unión temporal de empresas) a Dragados-TECSA. A construción desta pista de preto de 700 metros de lonxitude e a destrución desta fraga autóctona realizouse nestes últimos días, destrución que se podía evitar posto que hai accesos alternativos para as obras que se realizan no devandito túnel.
A Plataforma Ríos Limpos mostra a súa preocupación pola forma de actuar de ADIF e da UTE (Dragados-TECSA) onde a prepotencia e a falla de sensibilidade en canto a protección do patrimonio natural é manifesta. Lembramos dende a plataforma que as obras do AVE xa destruíron nesta parroquia (Porto-San Pedro de Maus) 27 hectáreas de carballeiras, soutos de castiñeiros e bosques de ribeira. ADIF tamén pretende mediante o “modificado de proxecto” a expropiación e ocupación de outras 18 hectáreas dun souto milenario e dun bosque de ribeira no corazón do Río Arnoia. A toda esta destrución medioambiental sumáselle agora a construción desta pista dende Borrán a embocadura do túnel Porto-Prado coa conseguinte destrución de outros 12.000 metros cadrados de fraga autóctona, as obras do AVE van supor neste pequeno val a perda de 47 hectáreas (470.000 metros cadrados de bosques autóctonos).
Entre as árbores destruídas atopase un castiñeiro centenario que en calquera dos países da nosa contorna sería declarada “árbore senlleira” castiñeiro de 5,80 metros de perímetro (1,60 metros de diámetro) a destrución desta árbore púidose evitar con só cambiar o trazado da pista 3 metros, unha demostración máis da total falla de sensibilidade neste caso das empresas Dragados-TECSA. Nos 600 metros de pista tamén se destruíron varios carballos de 100 centímetros de diámetro e uns 25-30 metros de altura así como multitude de especies tanto arbóreas como de matogueiras co conseguinte prexuízo para a fauna, calidade das augas…

Dende a Plataforma Ríos Limpos vimos observando que coas modificacións dos proxectos iniciais o único que perseguen as empresas adxudicatarias é unha clara vantaxe económica prexudicando ao medio ambiente e aos veciños e veciñas das zonas afectadas. Tamén e bo lembrar que a declaración de impacto medioambiental aceptado polas empresas adxudicatarias (neste caso Dragados-TECSA) previa levar os refugallos e restos da construción do túnel a 10.000 metros de distancia e agora ademais da construción destas pistas queren deixar tódolos refugallos na zona ocupada por un dos soutos mellor conservados e de máis valor da provincia de Ourense.
ADIF e as empresas adxudicatarias que realizan as obras do AVE están incumprindo coas máis mínimas medidas esixibles para minimizar o impacto medioambiental que supoñen, incumpren coa lexislación vixente e cando hai alternativas, como neste caso, parece que intencionadamente provocan a destrución dos ecosistemas naturais co desleixo das administracións públicas.
A Plataforma Ríos Limpos vai a presentar as correspondentes denuncias por estas actuacións diante das administración públicas.