rios_limpos_A Plataforma Cidadá Ríos Limpos, da que forma parte Amigos da Terra, logo de comprobar a desfeita medioambiental que está a provocar as obras do AVE, convocou o día 20 de marzo a asociacións veciñais, asociacións ambientalistas, grupos políticos e sindicais para coordinar actuacións encamiñadas a visibilizar, denunciar e por freo as irregularidades e os estragos que se están a realizar nestas obras.

A chegada do AVE a provincia de Ourense, ademais de acumular retrasos, está a deixar nas zonas rurais da provincia unha chea de estragos nas infraestruturas. Poren o máis preocupante son os graves atentados medioambientais que provocan, tanto as obras como as ocupacións e expropiacións de terras co consentimento e apoio da Administradora de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) ás empresas adxudicatarias das obras e grave tamén é o silencio premeditado e desleixo de funcións das distintas Administracións Públicas que debían defender a cidadanía a que representan.

Conscientes deste problema e visto o escaso eco social destes feitos, o pasado mércores día 20 de marzo de 2013, a Plataforma Cidadá Ríos Limpos convocou a asociacións de veciños, culturais, ecoloxistas, partidos políticos e sindicatos coa idea de facer un fronte común, unha folla de ruta para dar a coñecer os problemas provocados polas obras do AVE.

Decidiuse que a Plataforma Ríos Limpos coordinará as actuacións destinadas a difusión e denuncia das desfeitas que se están a provocar dende a Gudiña até Ourense cidade.

A expropiación-ocupación (na maioría dos casos sen os tramites oportunos, polo tanto ilegais) e a posterior instalación de plantas de formigonado, de actividades mineiras, de escombreiras…nas zonas ocupadas por ADIF terán un efecto pernicioso na calidade e modo de vida dos veciños e veciñas dos concellos da provincia.

ave_tunel_porto

Un sangrante exemplo atopámolo na parroquia de San Pedro de Maus-Porto-Alemparte (Vilar de Barrio), onde as obras están a deixar un forte impacto paisaxístico e medioambiental. A maioría das 27 hectáreas xa ocupadas pola plataforma do AVE estaban cubertas por bosques autóctonos (carballeiras, soutos con castiñeiros centenarios e unha fraga de ribeira)… As obras tamén están afectando aos cursos de auga (pequenos regatos e a propia cabeceira do Río Arnoia). Mediante unha modificación do proxecto pretenden expropiar e ocupar outras 18 hectáreas máis polo que 1/4 parte da superficie forestal-produtiva da parroquia quedará totalmente inutilizada poñendo en grave risco o futuro económico da zona con efectos irreversibles na paisaxe e na calidade de vida deste pequeno val.

Consideramos polo tanto que estas e o resto de agresións, deben ser postas en coñecemento da opinión pública esixindo ás empresas adxudicatarias o cumprimento estrito dos correspondentes estudios de impacto medioambiental e as medidas correctoras conseguintes, así como a lexislación de aplicación.

Polo tanto, os membros das asociacións reunidas o pasado mércores decidiron que dende a Plataforma Ríos Limpos se coordinarán as denuncias, reivindicacións e propostas alternativas ás administracións públicas con responsabilidades en facer cumprir a lexislación en vigor (Concellos, Deputación, Xunta de Galicia, Goberno español e Unión Europea), realizaremos as correspondentes denuncias, mobilizacións e actividades divulgativas para intentar parar esta desfeita medioambiental e social.

As organización que integramos Ríos Limpos consideramos que o desenvolvemento socioeconómico e compatible coa protección do patrimonio natural.