rios_limpos_A Plataforma Cidadá Rios Limpos,  da que forma parte Amigos da Terra, ven de solicitar os datos recollidos pola Deputación Provincial de Ourense nas “estacións de control de verquidos” instaladas fai un ano para o control da contaminación e verquidos dos polígonos/parques empresariais de Pereiro de Aguiar, Parque Tecnolóxico de Galicia, San Cibrao das Viñas e Barreiros. Todo elo dentro do Plan de Control de Verquidos presentados fai un ano e que tivo un investimento de diñeiro público de 804.000 euros.

Fai aproximadamente un ano foi presentado un plan de control de verquidos “Plan de Control de Verquidos en Tempo Real” no polígono industrial de San Cibrao das Viñas, Parque empresarial do Pereiro de Aguiar e parque empresarial de Barreiros, iniciativa desenvolvida por Aquaourense da Deputación Provincial de Ourense.

No devandito plan de control de verquidos instaláronse catro estacións de control continuo (unha no parque empresarial do Pereiro de Aguiar, dúas no polígono industrial de San Cibrao das Viñas e unha no parque empresarial de Barreiros).

Tendo en consideración o tempo transcorrido dende a posta en marcha deste “Plan de Control” e a reiterada contaminación por verquidos de todo tipo de residuos aos canles fluviais onde se instalaron as “cabinas de control” a Plataforma Cidadá Ríos Limpos co ánimo de mellorar a protección do patrimonio natural e máis especificamente a conservación dos canles fluviais da provincia de Ourense e en base a Lei 27/2006, de 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de medio ambiente (Lei que incorpora as Directivas 2003/4/CE e 2003/35/CE), solicitou a Deputación de Ourense:

– Os datos dos verquidos producidos e detectados ao longo do ano 2012 dende a posta en funcionamento das estacións de control (23/01/2012 ata o 31/12/2012) dos polígonos de San Cibrao das Viñas, Pereiro de Aguiar e Barreiros.

– Tamén se demandaron os datos relativos as análises realizadas dos verquidos producidos ao longo do ano 2012, e información sobre a periodicidade con que se recollen os dados das estacións de control.

120430_barbanica02

Lembramos, dende Ríos Limpos, que na presentación díxose que: “O plan ten por obxecto identificar en tempo real calquera verquido…así como a optimización do funcionamento do sistema de depuración das depuradoras…”.

Despois do investimento de diñeiro público no “sistema de control de verquidos” por parte da Deputación de Ourense, a Plataforma Rios Limpos imaxina que a institución provincial xa mandaría os resultados das deteccións dos verquidos e as súas correspondentes análises á Fiscalía, a Confederación Hidrográfica, ao xulgado…para rematar coa impunidade con que actúan os contaminadores dos ecosistemas fluviais afectados.