
Continuando o traballo de divulgación sobre problemáticas alimentarias, Amigos da Terra achega nesta ocasión un interesante documental sobre a situación do cultivo de alimentos transxénicos en España. “Sementes escravas“, producido por RTVE en 2010, analiza a realidade deste tipo de cultivos a través do exemplo do maíz transxénico de Monsanto MON 810, cuxo cultivo foi autorizado pola UE fai máis de dez anos aplicando, segundo denuncian os grupos ecoloxistas, unha directiva con baixos niveis de seguridade.
O feito é que na actualidade o noso país é o único de Europa que o cultiva a gran escala; xa que os restantes Estados se acollen ao principio de precaución ante a imposibilidade de asegurar con certeza que non perxudica nin á saúde da poboación nin ao medio ambiente.
Ao longo do documental se analizan os argumentos dos seus defensores, entre eles as autoridades públicas que permiten o seu cultivo, centrados no imperativo de rendabilidade económica (aumento da produción) ou a resistencia dos mesmos ás pragas; pero tamén os resultados de informes e estudos científicos levados a cabo con ratas e que teñen demostrado o impacto negativo no organismo e a toxicidade derivada do seu consumo. Por outra banda, tamén se achega a visión de científicos e labregos que investigan e aplican ao seu traballo técnicas e principios da agroecoloxía e que amosan a posibilidade de controlar as pragas sen necesidade de empregrar produtos agroquímicos.
Esta problemática tamén está a supoñer un perigo para os países empobrecidos xa que moitos destes cultivos se están exportando a estes países, provocando dependencia dunha nova tecnoloxía, sementes ou praguicidas patentados, con graves consecuencias sociais (abandono de terras) e medioambientais (contaminación ou perda de biodiversidade), afectando gravemente aos seus recursos xenéticos e á súa soberanía alimentaria.
Ademais dos efectos directos sobre o sector agrícola, no caso do España é importante sinalar a incidencia destes produtos na gandería, quizáis a maior vía de entrada de transxénicos no consumo humano; xa que nun modelo no que imperan as explotacións intensivas, o gando que consumimos é alimentado maioritariamente con pensos compostos por soia ou maíz transxénicos. Razón de peso para intentar coñecer un pouco máis que é o que comemos.