
A CGONGD denuncia a decisión da Xunta de non convocar novas convocatorias de proxectos para o ano 2013. Os orzamentos deste ano detinados á cooperación ao desenvolvemento reduciranse un 38% Non se adicarán fondos a novas convocatorias de proxectos de cooperación exterior, nin de microproxectos.
Tampouco se financiarán novos proxectos de educación para o desenvolvemento, baseados no traballo de educación e sensibilización en Galiza sobre as causas e consecuencias da pobreza, nin de fortalecemento institucional das organizacións. Só financiará unha convocatoria de acción humanitaria e axuda de emerxencia dotada con 400.000 euros, aproximadamente. O resto dos fondos orzamentados para 2013 destinaranse aos pagos das segundas anualidades dos proxectos aprobados en 2012.
Así pois, o goberno do PP incumple os seus compromisos electorais sobre cooperación ao desenvolvemento e rebaixa a porcentaxe do orzamento adicado a esta materia a un 0,05%, moi lonxe do 0,7% comprometido para 2017 por todos os partidos que asinaron o Pacto Galego contra a Pobreza.
A CGONGD xa iniciou medidas e accións contra este novo paso no desmantelamento e desaparición da política de cooperación en Galicia, entre elas, denuncias a través dos medios de comunicación, reunións cos/coas representantes dos partidos políticos con representación parlamentario, e a preparación de enmendas parciais os orzamentos, aínda en fase de discusión e aprobación no Parlamento.