logo_semana_prevencion_2009Un ano máis ten lugar a Semana Europea de Prevención de Residuos, aínda que máis que de prevención, gústanos falar de redución para pór o acento onde é máis necesario. Por este motivo desde Amigos da Terra a renomeamos como a Semana Europea de Redución de Residuos.

Este ano, reducíronse os residuos xerados en Galicia e en todo o estado, pero non foi por efecto das campañas de educación ambiental, nin polo cambio no modelo de consumo, nin polas mellores prácticas das empresas.. non, foi pola crise económica que rebaixou o consumo e, polo tanto, a xeración de residuos reducise nun 2%.

O Estado non cumpriu, polo tanto, co obxectivo de desacoplar o Produto Interior Bruto (PIB) da xeración de residuos. Ademais, os datos publicados por Eurostat, ao longo deste ano, non nos deixan en moi bo lugar. Estamos no posto duodécimo na eficacia da xestión de residuos e, ademais, só recuperamos o 33% dos mesmos (vertemos e incineramos o 67%!) Se temos en conta que a xeración de residuos per cápita en 2011 foi de 502 Kg. por persoa e somos 46 millóns de habitantes, se botamos cálculos, comprobamos que enterramos e queimado máis de 15 millóns de toneladas de residuos.

Pero, que é o peor destas cifras? Que en realidade tiramos e queimados 15 millóns de toneladas de recursos naturais. Eses “residuos” son recursos naturais na súa orixe. Recursos naturais valiosos, escasos, xeralmente importados, con serios problemas ambientais e sociais asociados á súa extracción ou obtención. Estes recursos poden ser bauxita, para fabricar os envases de aluminio que acaban en vertedoiros, abandonados na contorna ou, no mellor dos casos, reciclados. As imaxes das canteiras de bauxita quitan as ganas de tomarse un refresco en lata.

Tamén pode ser papel, procedente dos nosos bosques, plástico, procedente do petróleo, metais pesados, pedras preciosas, etc. E con todo, os produtos nos que se incorporan estes materiais están pensados para durar o mínimo tempo posible e, aínda que nos soe absurdo, moitas veces dámolo por sentado e aceptamos. Os envases duran unha media de 15 minutos unha vez que se iniciou o seu consumo, a tecnoloxía deséñase baixo parámetros de obsolescencia programada, os mobles, a roupa.., cada vez son máis os produtos que saen ao mercado e cuxa premisa de fabricación non é a duración e a reparabilidade.

Nun contexto de crise económica, ambiental e social no que estamos vivindo, non ten ningunha lóxica o malgaste de recursos, nin a perda de calidade ambiental e social de ningunha rexión, co fin de enriquecer aos mercados. Ao reducir o noso consumo actual de recursos naturais, tamén se reducirá a cantidade de residuos xerados e, polo tanto, as inxustizas asociadas a estas prácticas, sen necesidade de facer esforzos extra. Soa ben, non? Entón, imos aceptar cada un e cada unha a nosa parte de responsabilidade, como cidadán/a?consumidor/a, como gobernante, como fabricante, como vendedor. Que tes que ter en conta? As Erres: REDUCE, REPARA, REUTILIZA, RECICLA.