balint_mezo-2011-7585Os produtos da Praza na bolsa da casa impulsará a redución de bolsas dun só uso no comercio da Praza de Abastos de Ourense.

Trátase dunha inciciativa novedosa estreada hoxe mesmo na cidade de Ourense, que xunta a varios axentes: A Concellería de Limpeza e xestión de residuos, a Organización ecoloxista Amigos da Terra, A Concellería de Voluntariado e a Praza de Abastos da cidade; nunha campaña de información e sensibilización, dirixida tanto tanto a comerciantes como a consumidores, para reducir, e progresivamente eliminar, o consumo de bolsas dun só uso.

 

Os cálculos existentes falan de que pola man de cada galego pasan unhas 238 bolsas dun só uso ao ano. Isto trae como resultado que en Galicia se xeran, neste período, máis de 600 millóns de bolsas. Cunha vida útil de 20 minutos, do comercio á casa e ao lixo, simbolizan a incultura do usar e tirar.

 

Tendo en conta que as bolsas dun só uso traen consigo un consumo de recursos inxustificado e prexudicial para o medio ambiente, un gasto adicional para o comerciante, e a xeración dun residuo, faise necesaria unha reflexión e mudar algún dos nosos hábitos, xa que podemos facilmente substituílas por sistemas reutilizables como bolsas de algodón, rafia, cestas, “tuppers”, carriños da compra, mochilas etc.

 

Durante a campaña realízanse visitas aos comerciantes, achegándolles información sobre a mesma e a problemática asociada á produción e consumo de bolsas. Ademais, infórmase sobre a nova Lei de Residuos recentemente aprobada, que imporá a redución e posterior eliminación das bolsas dun só uso, e preséntanse as posibles alternativas respectuosas co medio que poden levar a cabo nos seus establecementos, xerando un diálogo no que se resolven dúbidas e recollen propostas para que esta transformación no comercio local sexa positiva para comerciantes e consumidores.

 

No marco desta campaña, trasladarase á cidadanía información sobre a xeración de residuos e o papel de cada persoa nesta problemática ambiental, centrándose nas bolsas dun só uso e nas outras posibilidades que hai á hora de facer as compras, para que estas sexan máis responsables. Para iso levaranse a cabo diferentes accións na Praza de Abastos de Ourense, contando con persoas técnicas de Amigos da Terra, e un grupo activo de voluntarios do Concello de Ourense.