Vista_depuradora_Vigo_150Ante o novo vertido accidental ao río Lagares do pasado domingo, que se suma aos 33 puntos de vertidos habituais (11 deles da propia rede de saneamento), Amigos da Terra non comprende como se pode tardar máis de 24 horas en localizar a súa orixe, cando existe, ou debería existir, un sistema de alerta inmediata para estas eventualidades pois así anunciouno hai anos o Concello.

A mediados do ano 2010 a Fundación Biodiversidade (Ministerio de Medio) concede ao Concello de Vigo unha subvención para a implantación dun sistema de información xeográfica-SIG para a caracterización e vixilancia ambiental do río Lagares.


O proxecto iniciábase a mediados do ano 2010 e debería rematar, executarse e divulgarse (a divulgación e publicidade do proxecto era un dos requisitos da subvención) durante o devandito ano.

Efectivamente en Novembro de 2010 se anunciaba a través dos medios de comunicación que o proxecto se encontraba na súa fase final, a punto de entrar en funcionamento de forma inminente.

O problema é que pasan os meses e remata o prazo de execución (e a súa conseguinte xustificación para poder ingresar a subvención concedida) polo que dende a alcaldía se anuncia en Maio con gran despregamento que a xa famosa, e que sería por certo a enésima ferramenta para o control do Lagares xa está case lista, que apenas faltan uns detalliños sen importancia e se poñerá en marcha inmediatamente.

O problema é que nos referimos ao mes de Maio, pero do ano 2011.

Vista_depuradora_Vigo_5

Case ano e medio despois nada sabemos da devandita ferramenta (e deberiamos saber pois a súa divulgación era un requisito imprescindible) e polo tanto descoñecemos o resultado daquela subvención ministerial.

Descoñecemos polo tanto se a devandita subvención se ingresou pero non se fixo o traballo en prazo e forma, ou ben devolveuse o devandito importe por incumprir as condicións da súa concesión.

Finalmente, a pesar de tantos anuncios e de centos de miles de euros gastados, teñen que ser os veciños os que alerten dos vertidos ao Lagares polo sistema tradicional de notar o cheiro e a cor sospeitosa.

En calquera caso o vertido do pasado domingo, un máis entre os vertidos cotiáns que pasaría desapercibido de non ser polo peche da praia de Samil, simplemente fixo visible por un momento a contaminación que a depuradora verte de xeito cotián en metade da ría.