
Unha vez máis vemos coma os ríos Miño e Barbaña, ao seu paso pola cidade de Ourense volven a sufrir no dia de hoxe outros verquidos continuados de augas residuais nas súas augas e que están a afectar gravemente ao entorno ecolóxico e fluvial da zona.
Esta contaminación fluvial dos ríos Miño e Barbaña non é un feito illado nas augas galegas, senón que ao longo do ano recíbense varias denuncias realizadas por particulares en Amigos da Terra. Denuncias que versan sobre a presenza de todo tipo de verquidos aos ríos.
Amigos da Terra ven de denunciar os verquidos de augas residuais no río Miño e Barbaña na cidade de Ourense ao carón da Ponte do Milenium que se estiveron a producir hoxe mercores día 25 e na que corrían as augas do río Miño contaminadas por un regueiro de augas residuais. Os verquidos eran apreciables e extendose augas abaixo por máis de 300 metros e chegando máis aló da marxe esquerda por enfronte da zona termal de A Chavasqueira.
Asemesmo, estabanse a producir verquidos de augas residuais no río Barbaña, na parte final da desembocadura ao caron da Avenida da Ribeira Sacra e nun tramo de 100 metros augas arriba ao caron da Avenida Pardo de Cela.
Estes verquidos véñense producindo de xeito continuado ao longo de todo o ano, xa que non é a primeira vez que ocorren estes feitos, e son habituais cando chegan as épocas de chuvias.

Dispoñendo dunha estación de bombeo de augas inaugurada fai oito meses e que non está posta en funcionamento, unha depuradora de augas que non ten capacidade para tratar as aguas de saneamento; e o río Barbaña contaminado por sucesivos verquidos, chegamos xa a unha situación extremadamente residual.
A orixe de ditos verquido foi denunciada ante a Policía Autonómica e tamén ante a Confederación Hidrográfica Miño-Sil para que fora inspeccionada por parte da administración, e solicitando información sobre as medidas que se están a adoptar para pór fin a unha grave situación ambiental á que está sendo sometidos os ríos e a imposición das sancións que corresponda.

Dende Amigos da Terra demandamos que as consecuencias xurídicas de tales vertidos non traspasan a imposición dunha mera sanción económica que, en moitos casos, non posúe o carácter exemplarizante que é de esperar deste tipo de penas por feitos que ben deberan cualificarse como delitos ecolóxicos cuia penalización é maior establecéndose inclusive penas de prisión.