A entidade ecoloxista critica a ineficacia administrativa á hora de salvagardar os recursos hídricos galegos víctimas de continuos vertidos por instalacións industriais

As canles fluviais galegas estanse vendo atacadas por vertidos incontrolados procedentes da incorrecta xestión de instalacións que baixo o amparo fortuíto disimulan a, en moitos casos, clara intencionalidade de verter aos ríos por motivos de xestión da propia empresa ou por obsolescencia ou falta de revisión das instalacións o que conleva á causación continua de danos ambientais a un recurso vital e limitado como é a auga.

As consecuencias xurídicas de tales vertidos non traspasan a imposición dunha mera sanción económica que, en moitos casos, non posúe o carácter exemplarizante que é de esperar deste tipo de penas por feitos que ben deberan cualificarse como delitos ecolóxicos cuia penalización é maior establecéndose inclusive penas de prisión.

Amigos da Terra espera de cara ao futuro unha maior intervención e máis activa da Fiscalía de medio ambiente da comunidade para iniciar de oficio as investigacións tendentes a clarificar os autores dos feitos e sancionalos debidamente obrigándolles asemade, á reparación do mal feito pero, sobre todo, o colectivo demanda á administración un maior control tendente á evitación de ditos feitos.

A lexislación sobre a protección das augas é abundante, dende normativa autonómica ata a directiva marco da auga europea. Pero segundo se desprende dos feitos acaecidos nos cursos fluviais galegos nos últimos meses, dita normativa non é o suficientemente útil para atallar un problema de gravisimas consecuencias ambientais e de saúde para as persoas e, polo tanto, cabe pensar que os preceptos que regulan a materia non están debidamente aplicados. Esta inaplicabilidade xurídica supón que as medidas coercitivas perden a súa idoneidade a prol do continuo impacto nos ríos por verteduras incontroladas.

Este é o caso do vertido de 55.000 litros de gasoil que a empresa ferroviaria Adif provocou á rede de sumidoiros de Ourense e ao río Miño en maio deste ano. A presunta falta de competencia da Confederación Hidrográfica que dende un principio declinou a responsabilidade de investigación e imposición de sancións ao concello de Ourense, non dando apertura a ningún tipo de expediente contra a empresa, saldou o incidente co pago dunha multa que ascendeu aos 9.000 euros.

De probarse a previsibilidade do vertido pola información contida nun Informe oficial do ano 2.006 que recollía a contaminación do río Miño por químicos provintes dos depósitos de Renfe e en ausencia da adopción de medidas de prevención e de evitación de danos por parte da empresa, a ferroviaria Adif podería incorrer nunha infracción da Lei de Responsabilidade Medioambiental que acarrearía multas de ata 2.000.000 de euros segundo a gravidade dos feitos xa que baixo as premisas desta norma non é necesaria a causación dos feitos, basta con provocar a ameaza.