
A rotura do colector central de Vigo simplemente cambiou provisionalmente o punto de vertedura das nosas augas residuais á Ría.
Amigos da Terra considera igualmente inexplicable que a delegación Provincial de Costas realice obras sen advertir que debaixo tiñan o emisario xeral, polo que presentará a pertinente denuncia agardando que dito organismo se sancione exemplarmente a si mesmo.
A actual depuradora verte directamente sen tratamento algún aproximadamente o 40% das augas residuais urbanas que recibe e o 60% dos industriais (máis en caso de chuvias), polo que a rotura do colector central en Bouzas sinxelamente a cambiou provisionalmente o punto de vertedura dos excedentes que a depuradora non pode tratar. Para Amigos da Terra e unha relativa boa noticia que polo menos durante un día se fai visible o que sucede constantemente no interior da Ría onde ninguén o ve. A organización agarda que esta transitoria visibilidade axude a tomar conciencia do problema da contaminación da nosa Ría.
Cando se instalou a actual depuradora do Lagares en 1997 unha das múltiples denuncias ecoloxistas e veciñais consistía na súa dependencia das estacións de bombeo, que provocan a cotío vertidos precisamente en Bouzas. Esa circunstancia provocou que durante toda a xornada non se puidese reparar o colector polo retorno das augas residuais.
Amigos da Terra reitera o seu anuncio de que a nova depuradora, ademais de ser aínda unha utopía pois non existe nin a primeira pedra da mesma, reproducirá os mesmos erros da actual só que a unha escala maior e polo tanto non solucionará os problemas de contaminación nin evitará a medio prazo as sancións da Unión Europea.
Vigo leva dende o ano 2001 incumprindo sistematicamente as directivas europeas sobre depuración de augas residuais, a pesar dos prazos e prórrogas extraordinarias que reiteradamente se lle concederon aos multicolores Concellos, Xuntas e Ministerios nestes doce anos.
Amigos da Terra reitera que a de momento utópica nova depuradora reproducirá os mesmos erros da actual, cambiando soamente a súa escala, e non permitirá cumprir a medio prazo os mínimos esixidos pola normativa comunitaria.
Amigos da Terra insiste, cando aínda estamos a tempo, en que se adopten sistemas diferenciados para tratamento das augas residuais urbanas e a súa estrita separación das pluviais, e á súa vez que as devanditas augas residuais urbanas sexan diferenciadas das industriais, que precisan legalmente un tratamento previo e específico antes de incorporarse ás redes de saneamento.
Paralelamente deberíanse instalar un mínimo de tres depuradoras independentes, de menor tamaño e conectadas en paralelo, que puidesen incrementar a súa capacidade de carga en caso de avaría dunha delas ou, como no presente caso, a rotura de colectores.