balint_mezo-2011-7585

“A bolsa con Estrela” é a primeira iniciativa en Galicia que xunta a unha asociación de comerciantes locais, Centro Comercial Aberto Estrela de Marín, e a unha asociación ambientalista, Amigos da Terra, nunha campaña de información e sensibilización, dirixida tanto a comerciantes como a consumidores e consumidoras, para reducir e pouco a pouco eliminar o emprego de bolsas dun só uso.

Calcúlase que pola man de cada galego e galega pasan unhas 234 bolsas de un só uso ó ano, o que trae como resultado, máis de 600 millóns de bolsas xeradas en Galicia, nun só ano. Estas bolsas, cunha vida útil de 20 minutos, do comercio á casa e ó lixo, simbolizan a incultura do usar e tirar.

Este sábado 10 de setembro continuaremos coa campaña no mercado de Marín, cunha mesa informativa, a exposición de Amigos da Terra acerca dos residuos, mostra de exemplos para levar as compras sen empregar bolsa de un só uso e información de como se pode participar na campaña.

Entregarase material informativo e os cupóns para que as persoas participen, estes cupóns serán selados cada vez que renuncien a unha bolsa de plástico en todos os establecementos asociados á Estrela de Marín. Por cada cupón cuberto con seis selos distintos entregarase unha bolsa reutilizable, que premiará o compromiso da cidadanía co Medio Ambiente. Ademais cada cupón completo entrará ademais no sorteo dun dos dez carros da compra, que se realizará o sábado 2 de Outubro no propio mercado de Marín.

Pretendemos así, contando coa participación e compromiso de consumidores e consumidoras e a colaboración dos e das comerciantes, reducir e, pouco a pouco eliminar as bolsas de un só uso do pequeno comercio en Marín.