Dada a situación creada polos incendios forestais durante o pasado mes de agosto con mais de 124.000 h queimadas segundo o sistema EFFIS-Copernicus, e tendo en consideración os efectos, o número de incendios, as zonas afectadas e a dimensión que os incendios teñen para o conxunto de Galicia, é preciso e de forma urxente levar adiante actuacións e realizar traballos que eviten a erosión, o estragamento dos solos, a perda de biodiversidade, a protección das infraestruturas…
As administracións teñen a obriga de aprobar plans especiais e aplicar medidas de restauración-recuperación dos montes afectados por incendios forestais, pondo en marcha planos de restauración hidrolóxico-forestais para recuperar cada un dos ecosistemas afectados, e especialmente as zonas Rede Natura.
É bo lembrar que os estudos científicos reflicten que as perdas medias de solo, dependendo da orografía e estado da vexetación, poden acadar ata 50 toneladas por hectárea e ano. No conxunto da Península Ibérica calculan que o 44% do territorio está afectado por algún tipo de perda de solo por erosión, máis de 9 millóns de hectáreas teñen efectos erosivos moi graves.
Na conca fluvial do SIL estimase que a vaga de incendios deste mes de agosto afectou a unhas 120.000 h nas provincias de Ourense, Lugo, León e Zamora.
Dende Amigas da Terra vimos de presentar escritos ante Xunta de Galicia, o Goberno do Estado español e Confederacións Hidrográficas para que aproben medidas inmediatas e doten do orzamento necesario para realizar os traballos que protexan e restauren os ecosistemas afectados polos incendios forestais. A calidade de vida, o futuro económico, ecolóxico e social e o desenvolvemento sustentable dos montes e augas depende destas actuacións de restauración e recuperación das zonas incendiadas.