O caso das Conchas podería marcar un precedente pola inactividade das administracións fronte á contaminación da gandería industrial
Hoxe finaliza a segunda e última sesión da vista xudicial do caso histórico das Conchas, presentado en marzo de 2025 por unha comunidade rural galega para defender os seus dereitos fundamentais.
Nas próximas semanas o Tribunal Superior de Xustiza galego terá que pronunciarse e ditar sentenza, nun caso que pode marcar un precedente en toda Europa.
Na demanda, presentada xunto á Federación de Consumidores e Usuarios CECU e apoiada por ClientEarth e Amigas da Terra, e asinada polas avogadas especialistas en dereito ambiental María Vitoria Hormigos, Georgina Guerrero e Jaime Doreste as partes implicadas denuncian a inactividade da Xunta e outras administracións polo seu deixamento e permisividade ante a contaminación polas verteduras procedentes da gandería industrial no río Limia e no encoro das Conchas.
Os informes, presentados polos peritos na primeira sesión da vista xudicial o venres pasado, corroboran a presenza de nitratos, bacterias resistentes a antibióticos e cianobacterias tóxicas na auga, unha contaminación que pode ocasionar graves danos á saúde; desde distintos tipos de cancro ata problemas hepáticos. En todos os casos, os expertos confirman que a procedencia da contaminación se debe á proliferación de macroexplotacións gandeiras industriais, xa que non contan con suficiente base territorial para absorber os xurros que xeran.
Na sesión de hoxe o Xerente de Augas de Galicia, que depende da Xunta, declarou ante o Tribunal e mantén que a calidade da auga é “boa”. A pesar de todas as evidencias sobre a contaminación producida pola gandería industrial, as partes demandadas chegaron a afirmar que a contaminación non é tan grave como alegan os demandantes, e seguen negando que sexa da súa competencia. De feito, as autoridades implicadas aseguraron en múltiples ocasións que a auga é segura para bañarse, afirmando que se atopa en “bo estado”. Outras administracións recoñecen a existencia de contaminación, pero argumentan que non chega a vulnerar os dereitos humanos das persoas residentes.
A falta de ditarse sentenza, as persoas demandantes e as organizacións implicadas no caso fan fincapé nos graves riscos para a saúde demostrados polos expertos durante a vista. Tanto na conca do río Limia como no encoro se dan altos niveis de contaminación por nitratos, substancias que están relacionadas con distintos tipos de cancro. Á súa vez, nas Conchas, a cantidade de cianobacterias é extremadamente perigosa, por unha banda, están as hepatotoxinas, tóxicas para o fígado e, por outro, outras cianobacterias que afectan o sistema nervioso. Ademais, chegáronse a atopar tamén cantidades importantes de bacterias fecais, algunhas delas resistentes a antibióticos.
A magnitude do problema reflíctea a carga gandeira: 120.000 unidades de gando maior, que se se compara cunha poboación humana equivalería a entre 1,5 millóns e 2 millóns de persoas, cando nesa zona viven unhas 25.000 persoas.
Mercedes Álvarez de León, demandante no caso e empresaria local, declarou:
“Hoxe por fin demos un paso máis na dirección correcta, e como era de esperar demostrouse na vista que as administracións son responsables de permitir a contaminación da nosa auga, do encoro, debido ás verteduras da gandería industrial. Agora esperamos que a sentenza lles obrigue a buscar solucións e a aplicalas o máis rápido posible”.
“Necesitamos que nos devolvan a nosa vida, poder saír de casa e respirar sen medo. Necesitamos que dunha vez por todas as administracións abran os ollos e involúcrense en reverter a situación e devolver o encoro ao seu estado, que de novo poidamos beber auga dos pozos e nadar sen poñer en risco a nosa saúde”.
Pablo Álvarez Veloso, presidente da asociación de veciños local e demandante no caso, engadiu:
“Esperamos que a sentenza que se dite sexa exemplar e innovadora, e que recoñeza sen ambigüidades a vulneración de dereitos fundamentais derivada da inaceptable inacción das administracións públicas. Durante anos, miraron cara a outro lado ante a mala xestión dos xurros da gandería industrial, permitindo unha contaminación masiva e continuada do río Limia e os seus encoros. Este deixamento institucional foi cómplice directa dunha crise ambiental e sanitaria que hoxe afecta non só ao encoro das Conchas, senón tamén aos de Lindoso e Salas”.
“Esta demanda non se limita a esixir reparación polo dano xa causado: é un berro de xustiza. Queremos que a sentenza marque un antes e un despois, que obrigue de forma inmediata ás administracións responsables a actuar, a devolver os ecosistemas afectados ao seu estado orixinal de auga limpa e a garantir dunha vez por todas o respecto aos dereitos fundamentais de toda a cidadanía. A tolerancia institucional coa contaminación debe terminar aquí”.
Blanca Ruibal, representante de Amigas da Terra, organización que apoia o caso, afirmou:
“A poboación das Conchas leva xa demasiado tempo tendo que soportar un ambiente insalubre debido á inacción das administracións ante as verteduras da gandería industrial. Agora é o momento de que se faga xustiza e o tribunal dite unha sentenza favorable que poña fin a esta situación de indefensión. Esperamos que se estableza un precedente e que máis persoas poidan sumarse a demandas deste tipo para esixir o respecto aos dereitos fundamentais das comunidades”.
“A Xunta e o resto de administracións deben tomar medidas cun plan de redución da gandería industrial e facilitar a transición cara a unha gandería extensiva, a agroecoloxía e modelos que respecten os límites dos ecosistemas e contribúan a manter un mundo rural vivo. Pase o que pase seguiremos onda as veciñas das Conchas e continuaremos facendo o que estea nas nosas mans para apoialas”.
Malgorzata Kwiedacz-Palosz, avogada de ClientEarth, unha das ONG que apoia o caso, declarou:
“Na vista, os peritos presentaron probas contundentes que poñen ao descuberto a magnitude e a gravidade da situación na Limia e As Conchas. Durante máis dunha década as administracións non exerceron ningún control ante a contaminación ocasionada pola gandería industrial, que causou estragos na vida da poboación”.
“A poboación das Conchas só pide poder confiar nas autoridades locais para protexer o aire que respiran e a auga que beben. Independentemente do resultado que se produza, seguiremos apoiando á poboación local de Galicia e doutros lugares, co fin de defender os seus dereitos humanos fundamentais”.
David, director da Federación de Consumidores e Usuarios CECU finalizou dicindo:
“Celebramos que este caso avance nos trámites xudiciais. A poboación afectada necesita unha resposta urxente para que as administracións competentes poñan solucións e protexan os seus dereitos fundamentais. A situación actual que levou a impedir que a poboación da zona poida consumir con tranquilidade a auga que sae das súas billas é claramente inadmisible. Confiamos en que as probas e testemuños achegados sexan a base para que se faga xustiza coa situación na zona.”
Notas: