Organizaciones ecoloxistas esixen ampliar e estender as moratorias ao eucalipto en todo o norte peninsular para frear a súa expansión e proteger a biodiversidade
As moratorias xa existentes a novas plantacións de eucalipto en Portugal, Galiza e Biscaia son unha expresión do grave problema da expansión desta especie.
Segundo o Inventario Forestal Continuo da Galza de 2023, a superficie de eucalipto como especie dominante é de 419.051 hectáreas, un 1,4 % máis que en 2022.
As organizacións piden a progresiva erradicación do eucalipto da Rede Natura e a inclusión de proxectos no Plan Nacional de Restauración da Natureza.
As moratorias deben ir acompañadas da paralización de proxectos altamente demandantes de eucalipto, como a macrocelulosa de Altri en Palas de Rei.
26 organizacións ecoloxistas de ámbito estatal e de Galiza, Asturias, Cantabria e Euskadi (1) subscribimos unha declaración conxunta na que demandamos a ampliación das actuais moratorias ás novas plantacións de eucalipto na Galiza e Biscaia até, polo menos, o ano 2030. Tamén reclamamos a implantación desta medida en todo o norte peninsular: en Asturias, Áraba, Cantabria e Guipúscoa.
Segundo os datos dos diferentes inventarios forestais, as plantacións de eucalipto seguen a estenderse na maioría de territorios do noroeste e o norte da península ibérica. Galiza é a Comunidade que sae peor parada, con case 420.000 hectáreas de superficie de eucalipto; seguida de Asturias, cunhas 60.000 hectáreas; Cantabria, con máis de 39.000 hectáreas e o País Basco, con máis de 26.000, segundo indican os diferentes inventarios forestais, non todos actualizados. A isto habería que engadir as máis de 810.000 hectáreas existentes en Portugal. No entanto, estas cifras só inclúen as superficies onde o eucalipto é a especie dominante, pero non cando aparece como especie acompañante en masas mistas (con outras especies) dentro de plantacións doutras especies ou noutros ecosistemas forestais onde se naturalizou.
Ao incumprimento da planificación forestal, nos últimos anos sumouse o incremento da superficie destas plantacións, motivado fundamentalmente pola substitución masiva de plantacións produtivas de coníferas (piñeiro de Monterrei e piñeiro marítimo fundamentalmente) que están a ser afectadas por varias pragas forestais. Como resposta a este problema, as administracións forestais respectivas estableceron prohibicións temporais (na Galiza, desde 2021 até finais de 2025, e en Biscaia, desde 2022 até finais de 2025) para tentar atallar a substitución masiva de coníferas por eucaliptos. Estas prohibicións temporais sumáronse á xa existente desde 2017 en Portugal, e que estará vixente até 2030, o que provocou que as empresas papeleiras portuguesas estexan mercando e alugando plantacións de eucalipto na Galiza e Asturias, aumentando a presión nos territorios.
A pesar das moratorias en vigor, que expiran na Galiza e Biscaia este ano 2025, o incumprimento da moratoria e a persistencia das doenzas que afectan os piñeiros seguiron unha tendencia ascendente. É por iso que as organizacións ecoloxistas pedimos a ampliación e extensión das moratorias para paralizar o actual crecemento da superficie ocupada polo eucalipto no Estado español, en tanto non se asegure o cumprimento dos obxectivos da planificación forestal, a diversificación das masas produtivas para toda a cadea de valor do sector forestal e a salvagarda dos ecosistemas de alto valor e os espazos naturais protexidos. Esta declaración vén precedida por outra xa realizada na Galiza o pasado abril, onde organizacións sectoriais da madeira, organizacións ecoloxistas, propietarios forestais e fundacións diversas asinaron unha declaración conxunta a favor da ampliación da moratoria do eucalipto polo menos até 2030.(2)
“Este proceso de eucaliptización no norte da península, que xa se consumou na Galiza, prodúcese nun momento no que a Xunta da Galiza impulsa unha nova fábrica de celulosa, o proxecto GAMA da papeleira portuguesa ALTRI, que incrementaría nun futuro próximo a demanda de madeira de eucalipto en todo o norte e noroeste peninsular”. “ALTRI e a expansión das plantacións de eucalipto son o mesmo. Non se pode permitir que o sector forestal do norte da Península camiñe cara ao monocultivo económico da produción de celulosa. Non só está en xogo a diversificación produtiva e o mantemento das diversas cadeas de valor, senón a procura dunha mellor adaptación dos ecosistemas ao cambio climático, con novos modelos de xestión forestal de plantacións que eviten que a situación actual se repita dentro duns anos”.
Na práctica maioría dos territorios onde o eucalipto está presente, esta árbore naturalízase e expándese fóra dos lugares onde foi plantada. É doado atopar eucaliptos ao longo das ribeiras dos ríos das vertentes atlántica e cantábrica e en numerosos espazos naturais protexidos. No caso da Galiza, é especialmente sanguento o caso do Parque Natural das Fragas do Eume, un dos bosques atlánticos de ribeira mellor conservados de Europa. Neste lugar icónico, a superficie ocupada polas plantacións de eucalipto segue a medrar. Segundo unha investigación (3) da Misión Biolóxica de Galicia (MBG-CSIC), nun período de 25 anos constatouse a perda dun 17,6% de bosque autóctono no interior deste espazo protexido, así como un aumento das plantacións de eucalipto. Concretamente, a presenza do eucalipto incrementouse un 48,2% entre os anos 1997 (ano no que foi declarado Parque Natural) e 2022, demostrando o fracaso da xestión dos espazos protexidos na Galiza.
“É fundamental reabrir o debate sobre o impacto dos eucaliptos que prosperan fóra das plantacións e a súa interacción cos ecosistemas. Hai uns anos, a administración forestal do Estado español pechou en falso este debate a través dunha decisión con demasiados compoñentes políticos, decidindo agachar baixo a alfombra as evidencias do efecto sobre a biodiversidade dos eucaliptos naturalizados nos diversos territorios”, afirmaron as organizacións.
Os ecoloxistas piden que se estableza, no seo do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico (MITERD), un grupo de traballo multidisciplinar que aborde os efectos sobre a biodiversidade da expansión do eucalipto fóra das plantacións, en especial no interior dos espazos naturais protexidos (4), así como a avaliación dos custos económicos da súa erradicación en zonas de Rede Natura 2000. Esta solicitude xa foi expresada á ministra e o secretario de Estado do MITERD na xuntanza do 22 de maio do Consello Forestal do Estado, e reiterada no Consello Asesor de Medio Ambiente (CAMA) o pasado 2 de xuño. As organizacións asinantes pedimos tamén que o Plan Nacional de Restauración da Natureza de España, en estado de elaboración neste momento por parte do MITERD, inclúa proxectos de restauración de áreas afectadas por eucaliptos naturalizados dentro de espazos naturais protexidos, así como a redución progresiva das plantacións comerciais de eucalipto dentro da Rede Natura 2000.
NOTAS
- As 25 organizacións que asinan la declaración son: AEMS-Ríos con Vida, Amigas de la Tierra, Asociación Asturiana Amigos de la Naturaleza (ANA), Asociación Custodia Bosque Atlántico (BETULA), Asociación para la Defensa de los Recursos Naturales de Cantabria (ARCA), Asociación para la Recuperación del Bosque Autóctono (ARBA), Baso Biziak Plataforma, Butroi Bizirik en Transición, Coordinadora Ecoloxista d’Asturies, Eguzki, Ecologistas en Acción, Fundación Lurgaia, Fundación Montescola, Greenpeace España, Grupo Naturalista Hábitat, Kukubaso Elkartea, Mariko Baso Espazioa, Mutrikuko Natur Taldea, Sagarrak Ekologista Taldea, SEO/BirdLife, Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), Sociedad de ciencias naturales de Sestao, SOSollube, Txirpial, Verdegaia y WWF España.
- Fundación Arume, 23/04/2025. Organizaciones de la cadena de valor de la madera, fundaciones, comunidades de montes y ecologistas piden ampliar la moratoria del eucalipto hasta 2030.
- Díaz García, Paula & Regos, Adrián. Assessing Land-Cover Changes in the Natural Park ‘Fragas do Eume’ over the Last 25 Years: Insights from Remote Sensing and Machine Learning. https://www.mdpi.com/2073-445X/13/10/1601
- Segundo o Inventario Forestal Nacional (IFN4), de 2009, as plantacións de eucalipto dentro dos espazos naturais protexidos no norte da península ibérica ascendía a 7.840 hectáreas. (5.032 na Galiza, 340 en Asturias, 1.149 en Cantabria e 1.319 no País Basco).