O modelo agroalimentario é un dos principais responsables das crises climáticas e de biodiversidade que se viven na actualidade. Como parte do mesmo, a gandería industrial contribúe de forma desorbitada a este sistema agroindustrial globalizado que demanda un consumo de recursos inxentes, no que os alimentos lonxe de ser un dereito son unha simple mercadoría.

Son moitos os territorios que se ven afectados por este problema, e España non é unha excepción. Sen ir máis lonxe, somos o terceiro produtor de porcino a nivel mundial, co 22% do censo da UE, e o establecemento de macroexplotacións segue en aumento. Por este motivo, as comunidades locais están a organizarse ao longo e ancho do territorio para facer fronte aos graves impactos da gandería industrial.

Este tipo de gandería caracterízase polo amontoamento dos animais, a desconexión co territorio e a dependencia de insumos externos para a alimentación do gando. Ademais trátase dun sistema vertical no que unhas poucas empresas concentran todo o poder e os gandeiros e gandeiras teñen un papel marxinal.

Os seus impactos van desde a contaminación de acuíferos e solos con nitratos e bacterias, debido ás verteduras de xurros e ao uso abusivo de antibióticos para o gando, ata a deforestación e o acaparamento de terras para monocultivos destinados á produción de pensos, coas emisións de CO2 que isto implica. Para facerse unha idea a porcentaxe de terras empregado para alimentar ao gando a nivel mundial é dun 70% das terras agrícolas, en concreto un 40% destínanse á produción de penso.

Estes impactos externalízanse, en gran parte dos casos, a países do Sur Global. No Brasil, por exemplo, a deforestación ocasionada pola agroindustria é responsable dun 74% das emisións de gases de efecto invernadoiro. Ademais, os estudos revelan que o 37% das emisións de gases de efecto invernadoiro a nivel mundial proveñen do sistema agroalimentario e, destas, o 57% ocasiónaas a industria cárnica.

As súas consecuencias fai que se torne un modelo completamente inviable para garantir unha contorna saudable para as poboacións humanas e demais seres vivos.

Desde Amigas da Terra queremos mostrar o noso apoio ás comunidades afectadas e reivindicamos o papel das persoas que traballan no campo, gandeiros e gandeiras, agricultores e agricultoras, para poder optar por modelos máis sostibles que garantan salarios dignos e unha continuidade da súa profesión sen esquilmar recursos nin contaminar a súa contorna.

Por este motivo demandamos un cambio cara a un modelo agroecolóxico que contemple o benestar das comunidades así como os límites planetarios:

Un modelo agroecolóxico: agricultura a pequena e mediana escala

Políticas públicas que faciliten a transición agroecolóxica

Gandería extensiva, unha gandería que respecte os ecosistemas en consonancia co medio

Unha alimentación sa, sostible e agroecolóxica coa redución do consumo de carne

Unha agricultura que protexa a biodiversidade e o territorio e reduza as emisións de CO2

Pobos vivos, un modelo que fixe poboación ao medio rural e devolva os servizos básicos a estas zonas


Notas:

https://www.tierra.org/wp-content/uploads/2022/02/atlas-carne.pdf

https://www.tierra.org/wp-content/uploads/2023/04/notas_mercosur2.pdf