O Día Mundial da Reciclaxe volve poñer o foco na terceira R, mentres que as prácticas realmente circulares —como a prevención, a reutilización ou a reparación— retroceden.

Nun contexto global cada vez máis fráxil —con cadeas de subministración inestables, crise enerxética e escaseza de materias primas—, Europa non se pode permitir continuar cun modelo que malgasta recursos.

O 17 de maio é o Día Mundial da Reciclaxe. Cada ano, administracións, empresas e medios de comunicación celebran esta data con campañas que promoven a reciclaxe como a solución aos problemas ambientais. Pero… Que estamos a celebrar realmente?

 

Un só uso + reciclaxe: os piares dunha narrativa perniciosa

Durante décadas, a industria fomentou os envases desbotables, principalmente de plástico, como símbolo de comodidade moderna, encubrindo os seus intereses económicos baixo discursos ambientais. Vendéronnos a idea de que “non pasa nada” se se recicla, que podemos seguir consumindo de forma desbordada sempre que tiremos o envase ao contedor correcto.

Ademais, no caso de produtos que non son dun só uso e altamente demandantes de minerais críticos, como os aparellos eléctricos e electrónicos, a súa produción disparouse desde os anos 90, ao mesmo ritmo que esta minerais clave convertéronse en residuos debido á vida útil tan limitada destas tecnoloxías.

Esta narrativa non é casual: é unha estratexia deseñada para perpetuar un modelo produtivo insostible sen que nada cambie de verdade.

 

Os límites da reciclaxe

Hoxe sabemos que só o 9% do plástico producidono mundo foi reciclado algunha vez. No ámbito global, a circularidade retrocedeu un 2,2% os dez últimos anos, de modo que, hoxe en día, tan só o 6,9% dos materiais que se utilizan proveñen de fontes recicladas. Ademais, os índices de recollida selectiva co modelo actual xa tocaron teito. A maioría dos residuos acumúlanse en vertedoiros, incinéranse ou dispersanse en contornas naturais, con efectos devastadores sobre a saúde humana e os ecosistemas.

 

E da fracción de residuos que realmente se recicla, unha gran parte perde calidade e valor no proceso: o material reciclado non ten as mesmas propiedades que o virxe; e pasa con todos os materiais que acaban sendo utilizados en aplicacións de menor valor. É o que se coñece como downcycling, un proceso que degrada o material cada vez máis, ata que se converte en residuo sen opción de retorno. Esta espiral de desvalorización é incompatible cunha xestión eficiente dos recursos e unha economía circular real, onde os materiais terían que manter a súa función inicial o máximo tempo posible.

 

Mentres tanto, a industria continúa producindo envases non reutilizables e que cada vez son máis difíciles de reciclar: materiais compostos, mesturas incompatibles, formatos non estándares. Un caso paradigmático son os vasos de cartón con laminado plástico, que se presentan como “ecolóxicos” pero son imposibles de reciclar, a pesar de que nos digan que si. A economía circular non pode existir se partimos de envases deseñados para ser residuos.

 

A factura da reciclaxe

E quen paga todo isto? A cidadanía e as administracións públicas. A industria escúdase na reciclaxe para seguir xerando residuos, sen asumir o custo real. A Responsabilidade Ampliada do Produtor (RAP), que obriga ás empresas para pagar pola xestión dos residuos que xeran, incúmprese sistematicamente.

Ademais de non cumprirse e a pesar de estar vixente desde hai décadas, o sistema da RAP non conseguiu reverter a tendencia crecente de xeración de residuos. A reciclaxe continúa sendo o foco, mentres que as prácticas realmente circulares —como a prevención, a reutilización ou a reparación— retroceden. Isto pon de manifesto unha contradición de fondo: un sistema que tería que promover a circularidade, acaba perpetuando a cultura do residuo, a cultura dos produtos refugables.

 

Chamamento a reformular a RAP

Nun contexto global cada vez máis fráxil —con cadeas de subministración inestables, crise enerxética e escaseza de materias primas— Europa non se pode permitir continuar cun modelo que malgasta recursos. Como expón o informe “A responsabilidade ampliada do produtor compatible cos límites planetarios”, a RAP ten que deixar de ser un simple mecanismo para pagar a xestión de residuos e converterse nunha ferramenta para impulsar un cambio de rumbo: eficiencia, autonomía e resiliencia.

Por iso, cada vez máis voces reclaman reformular a RAP cunha visión estrutural baseada en dous piares:

Optimizar o sistema: Establecer criterios comúns a escala europea, garantir máis control, evitar a fraude e facilitar o cumprimento por parte dos produtores.

Activar a circularidade: Destinar recursos non só á recollida e a reciclaxe, senón tamén á prevención, a reutilización e a reparación. Financiar infraestruturas de lavado, sistemas de reutilización e fondos para a reparación.

Desgraciadamente, hoxe só se está traballando o primeiro piar. O segundo, o que realmente podería transformar o sistema, continúa ausente das prioridades políticas.

 

6 medidas para sacar o foco da reciclaxe

Esta estratexia limitada frea a transición cara a un modelo de produción e consumo residuo cero e mantén viva a ilusión que reciclar soluciónao todo. É hora de romper o silencio.

A reciclaxe non é a solución: é a coartada para seguir producindo sen límites.

 

Esiximos medidas valentes:

  1. Priorizar a reutilización ante a reciclaxe: Entre outras actuacións, facer cumprir a normativa xa existente, destinar recursos públicos ao fomento efectivo da reutilización, tal como a administración pública fixo durante décadas coa reciclaxe e os tratamentos finalistas, non ceder ás presións da industria do usar e tirar no recorte de obxectivos nin nas súas campañas fake news contra a reutilización.
  2. Poñer en marcha propostas baseadas en alongar a vida útil dos produtos, aumentar a durabilidade  e  reducir o consumo de materias primas
  3. Prohibición dos envases superfluos e os envases non reciclables.
  4. Restrinxir a entrada ao mercado de produtos refugables que aparecen no mercado como máis sostibles cando  realmente son falsas solucións.
  5. Aplicación de medidas fiscais que graven a produción, distribución e consumo de produtos refugables por encima das súas alternativas reutilizables.
  6. Reconfiguración e aplicación estrita da responsabilidade ampliada.
  7. Unha nova gobernanza europea do modelo de residuos.

 

Este 17 de maio, non celebramos a reciclaxe. Denunciamos o seu fracaso. E esiximos un cambio de modelo.