Galiza mobilízase en contra do espolio da terra e por un novo plan eólico xusto, sustentábel e ao servizo do pobo
As mobilizacións previstas no Día Mundial da Enerxía Limpa celebráronse hoxe, 9 de febreiro, nunha decena de localidades galegas.
O movemento “Eólica Así Non” insta á Xunta que respecte as decisións xudiciais e paralice a implantación de proxectos eólicos mentres non aprobe o novo planeamento sectorial.
A veciñanza afectada e as organizacións sociais reclaman á Xunta o seu dereito a participar nas mesas de diálogo do novo Plan Sectorial Eólico.
Con motivo do Día Mundial da Enerxía Limpa, declarado así pola ONU para promover unha transición xusta coas persoas e o medio ambiente cara ás enerxías renovábeis, centos de galegas e galegos botáronse hoxe á rúa para denunciar o espolio da nosa terra e reclamar un novo Plan Eólico de Galiza que sexa xusto coas persoas, sustentábel e ao servizo do pobo.
Esta nova convocatoria reivindicativa da Coordinadora Eólica Así Non, que congrega aqueles colectivos e entidades galegas críticas co actual modelo eólico, desenvolveuse en perto dunha decena de mobilizacións por todo o país que se celebraron nalgunhas das comarcas máis afectadas pola invasión e o espolio eólico. En concreto, os actos reivindicativos adquiriron a forma de concentracións e marchas nos concellos e vilas de Val do Dubra, Cartelle, Pontevedra, Marín, Lugo, Sarria, Ortigueira, Mazaricos e Campo Lameiro.
As mobilizacións coinciden no tempo co anuncio da Xunta dun novo Plan Eólico para Galiza, unha reivindicación que o movemento Eólica Así Non leva reclamando desde hai máis de tres anos, para loitar contra a implantación masiva, colonial e desorneada da enerxía eólica. Porén, o novo Plan Eólico anunciado polo goberno galego non ten vocación de ordear a implantación eólica, senón de consolidar o modelo depredador xa imposto e os privilexios das eléctricas sobre os intereses xerais.
A través do manifesto “Non ao espolio da nosa terra”, a Coordinadora Eólica Así Non cualifica o novo plan eólico de Rueda como unha fraude, xa que exclúe das mesas de diálogo ás poboacións afectadas e ás organizacións sociais e ecoloxistas críticas coa depredación eólica. E ademais, non establece unha moratoria de todos os proxectos eólicos en tramitación ou pendendes de execución, mentres non se aprobe o novo planeamento eólico. Pola contra, favorece a retramitación daqueles proxectos que están suspendidos cautelarmente polos tribunais.
As manifestantes reclamaron o seu dereito lexítimo a participar na elaboración da nova planificación eólica da Xunta na que instan a recoller a proposta de alternativa da Coordinadora Eólica Así Non. Entre outros principios, esta alternativa promove unha nova planificación enerxética pública, ao servizo do pobo e do dereito a vivir e a traballar na nosa terra, que non poña en perigo aqueles sectores sociais que proporcionan alimentos básicos á poboación, que abarate o prezo da electricidade recoñecendo unha tarifa eléctrica galega, que aposte polo autoconsumo, polas comunidades enerxéticas, polo consumo de proximidade e polas comunidades veciñais de montes en man común.
Descargas:
Decálogo “Temos Alternativa” >>>