Celebramos o paso histórico de poñer en marcha un Sistema de Depósito e demandamos a súa implantación no prazo de dous anos que marca a lei

O pasado venres, o Ministerio publicou finalmente os datos de recollida separada de botellas de plástico de bebidas de menos de tres litros de 2023. O resultado situouse no 41,3%, moi por baixo do obxectivo marcado por lei do 70%, o que supón a implantación dun Sistema de Depósito para botellas de plástico, latas e briks.

As máis de 130 organizacións da sociedade civil, entre elas Amigas da Terra, representadas pola Alianza Residuo Cero e a plataforma #LeydeResiduosYa felicitámonos por este fito que reclamamos durante anos e poñemos no foco no cumprimento do prazo de implantación para que o retorno de envases a tendas e supermercados sexa unha realidade en dous anos.

O 22 de novembro de 2026 poderemos ir ás tendas e os supermercados de toda España para devolver as botellas de plástico, latas e briks de augas, zumes, bebidas refrescantes, enerxéticas e isotónicas e algunhas bebidas alcohólicas como cervexas e facilitar que máis do 90% de todos os envases de bebidas poidan ter unha reciclaxe de alta calidade e converterse en novos envases, no canto de seguir acumulándose na nosa contorna e danando o noso medioambiente e a nosa saúde. Grazas ao paso histórico dado o pasado venres por Teresa Ribeira e o resto de responsables do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, España sitúase á altura das máis de 50 rexións en todo o mundo nas que funciona con éxito a práctica de ‘devolver o casco’.

O resultado oficial da recollida separada de botellas de plástico de bebidas de menos de tres litros en 2023 situouse no 41,3%, facéndose oficial así o incumprimento do obxectivo do 70% que marcaba o artigo 59 da Lei de Residuos e Chans Contaminados e, por tanto, obrigando aos envasadores e supermercados a poñer en marcha no prazo de dous anos un Sistema de Depósito, Devolución e Retorno.

Esta decisión significa acabar co abandono diario de 35 millóns de envases de bebidas que cada día contaminan o noso territorio. Ademais, como vicepresidenta terceira da Comisión, Teresa Ribeira poderá seguir traballando para que se cumpran os obxectivos comunitarios de recollida separada e reciclaxe de envases.

Esta análise do Ministerio, onde primaron a transparencia, a trazabilidade e a calidade da documentación, pon fin o debate sobre os datos reais da recollida separada de envases e debería ser o punto de partida para revisar todas as estatísticas de reciclaxe de envases lixeiros. A cifra do 41,3% confirma o rigor das denuncias da sociedade civil sobre este asunto, xa que se aliña co 36% que presentaron Zero Waste Europe e a propia Alianza Residuo Cero o pasado mes de maio nun informe da consultora Eunomia, e afástase da estimación feita por parte de Ecoembes, por encima do 70%.

Este sistema de depósito e retorno de envases, con todo, deixa fora a gran maioría de envases de vidro que se poñen no mercado, algo que as organizacións xa lamentamos no seu momento. Si poderán devolverse as botellas reutilizables que os comercios terán que ofrecer a partir de 2025, unha cantidade moi baixa que non resolve o desperdicio de recursos do actual sistema. Unha vez se implantáse o Sistema de Depósito, debe incluírse de forma xeneralizada os envases de vidro para avanzar cara á reutilización e prevención de residuos.

A implantación do Sistema de Depósito vai impactar positivamente ao conxunto de toda a sociedade, porque é unha ferramenta de economía circular limpa que vai axudar na mitigación dos efectos da emerxencia climática e a consolidar a aposta do noso país por unha transición ecolóxica real.

Para a Alianza Residuo Cero e a plataforma #LeydeResiduosYA, a partir de agora, a prioridade do Ministerio, liderado desde esta semana por Sara Aagesen, ten que fixarse no cumprimento dos prazos marcados. Débese asegurar que poidamos retornar latas, botellas e briks a tendas e supermercados no prazo de dous anos a través do Sistema de Depósito e Retorno xa regulado no Real Decreto de Envases, que sexa accesible a toda a cidadanía e que sirva para garantir o cumprimento dos obxectivos de presenza de envases reutilizables no comercio. Isto debe ser unha realidade o 22 de novembro de 2026.

Que é un Sistema de Depósito e Retorno?

O Sistema de Depósito e Retorno para envases de bebidas dun só uso e reutilizables baséase en vender augas, cervexas, zumes, refrescos e outras bebidas, que son os produtos que máis consumimos fóra do fogar, cunha pequena cantidade económica extra que, ao retornar latas, botellas ou briks á tenda para a súa correcta reutilización ou reciclaxe, a persoa recupera integramente.

Esta é unha práctica que en España coñécese como ‘devolver o casco’, xa que era de uso habitual ata os anos 80, e que funciona con éxito en 50 países e rexións de todo o mundo que recuperan de media o 90% dos envases de bebidas para a súa reutilización e/ou reciclaxe en novos envases, á vez que solucionaron o problema da contaminación causado por latas, botellas e briks.