
A falta de 300 días para o final da lexislatura, se non hai eleccións anticipadas, Amigos da Terra, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, SEO/BirdLife e WWF presentan unha pormenorizada avaliación da política ambiental do Goberno. O informe mostra como a sustentabilidade non está dentro da axenda gobernamental.
Desde o ano 2004 as organizacións ecoloxistas Amigos da Terra, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, Seo/Birdlife e WWF publicaron diferentes documentos con propostas ao Goberno para avanzar na política ambiental ou avaliar o cumprimento dos compromisos adquiridos en diferentes políticas relacionadas coa sustentabilidade.
O presente documento de seguimento e avaliación preséntase a poucos meses do fin dunha lexislatura na que as políticas ambientais pasaron a un segundo plano e onde se produciu unha perda de liderado evidente en materia de sustentabilidade. As organizacións ecoloxistas esperan que esta valoración sirva para animar ao Goberno a romper a inercia e a recuperar o tempo perdido, dando un xiro ás súas políticas máis insostibles e aprobando a normativa que permita visualizar estes cambios.
Aínda que non hai avances relevantes cara á sustentabilidade, as organizacións asinantes destacan, polo menos, o clima de diálogo recuperado polo novo equipo do Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño nos últimos meses.
Os cinco grupos ecoloxistas de ámbito estatal fan unha valoración sectorial que resumen do seguinte xeito:
Biodiversidade: a conservación en tramitación.
Pesca: sen cambio de rumbo.
Costas: mellora a participación, pero pouca acción.
Auga: segue a vella cultura da auga.
Agricultura e desenvolvemento rural: cambio de discurso, mesmas políticas.
Cambio climático: contradición entre o discurso e a práctica.
Enerxía: a revolución que non chega.
Transporte: líderes en malgasto e destrución.
Calidade do aire: a maioría respira aire contaminado.
Residuos: pouco compromiso coa redución e a reciclaxe.
Contaminación química: España mira para outro lado.
Economía: partidas ambientais cada vez máis irrisorias.
Ademais, o informe recolle o seguimento de varios proxectos emblemáticos polos seus impactos ambientais e sociais como a Refinería do Grupo Balboa (Estremadura), o Dragado do Guadalquivir (Andalucía), o encoro de Biscarrués (Aragón), o hotel Algarrobico (Andalucía), a estación de esquí de San Glorio (Castela e León), o porto de Granadilla (Canarias) ou o polígono industrial das Aletas (Andalucía). Todos eles en marcha e, polo tanto, profundando na crise ambiental imperante.