Nesta ocasión o curso conta con 12 participantes das provincias de Ourense, A Coruña e Pontevedra e realízase en formato híbrido, unha parte teórica  de 32h online e a parte práctica presencial de 10h.

A parte práctica realizarase nos composteiros comunitarios do Concello de Vilaboa, Pontevedra e as visitas realizaranse ao Punto Verde de Vilaboa e á Planta de compostaxe da mancomunidade do Morrazo.

E a parte teórica aborda o ciclo completo de xestión da fracción orgánica dos residuos e capacita aos participantes.

A titulación en Mestría en compostaxe, que empeza a ser xa recoñecida no sector ambiental de todo o estado, supón por unha banda unha alternativa real de emprego, e por outro ofrecer solucións á problemática ambiental na xestión de residuos, cumprindo coa obrigatoriedade de recoller de maneira separada a fracción orgánica dos residuos municipais e xestionala preferentemente mediante compostaxe.

Con este proxecto estamos a apostar pola creación dun tipo de emprego que favorece unha transición ecolóxica á vez que achega respostas aos colectivos máis vulnerabilizados da sociedade, persoas con dificultade para acceder ao mercado laboral. Este é o enfoque ecosocial que se debe priorizar nas políticas municipais.

Dende a organización Amigos da Terra, levamos anos promovendo a compostaxe como unha das ferramentas máis importantes para camiñar cara ao residuo cero, reducir  a cantidade de residuos orgánicos e contribuír á loita contra a emerxencia climática. Agora coa recentemente aprobada Lei de Residuos e solos contaminados para unha Economía Circular, que obriga a todos os municipios a recoller a súa materia orgánica separada e a tratala priorizando a compostaxe, contamos co contexto perfecto para poñer en marcha esta formación.

Por este motivo o emprego neste sector incrementarase de maneira exponencial nos próximos anos debido, por unha banda, á obrigación de cumprir coa normativa en materia de residuos e, por outro, a que é unha área na que está case todo por facer. Con este proxecto búscase dar resposta a esta problemática ambiental e asegurar que a xestión de residuos se de en condicións adecuadas. No contexto actual de crise ecolóxica e social, no que é crucial avanzar cara a unha transición ecolóxica en todos os sectores, a compostaxe eríxese como un aliado perfecto.

Proxecto financiado a cargo da asignación do 0,7% do IRPF da Consellería de Política social da Xunta de Galicia