Hoxe 28 de maio, a Coalición pola Enerxía Comunitaria lanza unha campaña co obxectivo de reclamar ao Goberno un impulso decidido ás comunidades enerxéticas. Baixo o lema “Acende a Enerxía Comunitaria”, máis de trinta organizacións, entre elas comunidades enerxéticas, diríxense á cidadanía para pedir o seu apoio e esixir ao Goberno que avanze cara unha transición enerxética en mans das persoas.
No contexto actual no que a transición ecolóxica desempeña un papel central nas políticas do Goberno, as comunidades enerxéticas son unha peza clave para acelerar a descarbonización da sociedade e a economía, e avanzar cara a un modelo enerxético xusto baseado en fontes de enerxía renovable.
Coa campaña Acende a Enerxía Comunitaria a Coalición busca concienciar á cidadanía sobre a urxencia de multiplicar as comunidades enerxéticas por toda a xeografía española. Para este fin estamos a solicitar firmas para esixir ao Goberno un maior apoio para a creación destas comunidades, tanto no seu financiamento como no asesoramento necesario para que a cidadanía as impulse. Así mesmo, propoñemos eliminar as barreiras na distribución e os trámites burocráticos que, de facto, impiden o avance necesario das comunidades enerxéticas.
O modelo enerxético actual, en mans de grandes empresas, non só é inxusto coas persoas, senón que agrava a crise climática e enerxética. A continua subida do prezo da enerxía ao longo dos últimos anos é unha das principais causas da pobreza enerxética: oito millóns de fogares non poden manter as súas casas a unha temperatura adecuada. Con isto demóstrase que o acceso á enerxía, que debería ser un dereito fundamental, segue sendo un privilexio.
As comunidades enerxéticas permiten que a cidadanía produza, xestione e consuma a súa propia enerxía renovable sen necesidade de depender das multinacionais da enerxía. Esto tradúcese nun beneficio incalculable para a cidadanía: relocalizan o emprego, aumentan a resiliencia comunitaria fronte ás crise enerxética e climática, poden chegar a ser ferramentas de loita contra a pobreza enerxética e, á súa vez, rexeneran a economía social e solidaria local.
Avanzar cara unha transición enerxética baseada en enerxía limpa é un reto a todos os niveis e non podemos permitirnos deixar fóra a un axente crave como a cidadanía. Fomentar a enerxía renovable de forma descentralizada e democratizar o modelo enerxético é unha garantía para facer fronte á crise climática e non depender da especulación do mercado enerxético.
Segundo un estudo sobre o potencial da enerxía comunitaria en España, se se establecesen 8.000 comunidades enerxéticas, unha por cada municipio e máis en grandes cidades, poderíase cubrir a demanda eléctrica do sector doméstico e terciario.
As comunidades enerxéticas deben facilitar a plena participación en igualdade de condicións da cidadanía no sector enerxético. Desde a produción e comercialización ata mesmo a distribución.
Por todo iso, a coalición insta ao Goberno a impulsar a creación de comunidades enerxéticas, e priorizar á cidadanía fronte ás grandes empresas, a través das seguintes medidas:
1.- O aumento do financiamento para o impulso real das comunidades enerxéticas de base cidadá. Este financiamento debe ser de fácil acceso, con criterios de equidade e cubrir o 100% do proxecto. Ademais, debe establecer dúas liñas prioritarias:
- O impulso ás figuras de asesoramento para a creación de comunidades enerxéticas como as Oficinas de Transformación Comunitaria;
- A creación dunha comunidade enerxética por cada municipio, involucrando aos concellos.
2.- A ruptura do oligopolio enerxético e a regulación para evitar situacións similares ás actuais cun mercado eléctrico dominado por un pequeno número de empresas. Necesitarase unha maior protección xurídica para a figura das comunidades enerxéticas de base cidadá a través de:
- A prohibición de que unha mesma empresa ou grupo empresarial, a partir de certo tamaño, poida estar integrado verticalmente na cadea de valor ao realizar actividades simultáneas de xeración, distribución e comercialización de enerxía;
- A prohibición da participación de entidades que dispoñan dunha cota de mercado dun 10% en calquera dos mercados ou sistemas enerxéticos;
- Unha auditoría cidadá de todas as redes de distribución, podendo recompilar todos os investimentos e proxectos realizados, que permita establecer necesidades de acceso e conexión das comunidades.
3.- O cumprimento do mandato das Directivas Europeas a través do cal outórganse dereitos ás comunidades enerxéticas para xestionar as redes de distribución.