Familias das comunidades do Refuxio de Vida Silvestre Los Guatuzos e de San Carlos, que producen alimentos baixo o método biointensivo, capacitáronse en nutrición, dieta e cociña saudable para mellorar a alimentación no fogar.

Durante os catro días de taller reflexionaron sobre a calidade da súa alimentación, a pouca variedade de alimentos no prato, o alto consumo de carbohidratos e a comida procesada, para logo aprender técnicas e receitas para facer a comida máis saudable.

Foron 25 persoas as que aprenderon coa mestra biointensiva e especialista en nutrición e procesamento de alimentos, Emmanuelle Eyraud.

“Queremos fortalecer os seus coñecementos, que aprendan a cociñar os alimentos producidos nos hortos familiares biointensivos e aproveitar ao máximo as colleitas elaborando conservas sinxelas”, dixo Óscar Bermúdez, técnico de Amigos de la Tierra en Nicaragua.

As persoas participantes analizaron a súa alimentación, “identificaron moito carbohidrato, pouca verdura, poucas hortalizas e poucas vitaminas, esenciais para defenderse das enfermidades. Ensinámoslles as porcións adecuadas para ter un prato saudable e como calcular as calorías que necesita o corpo diariamente”, dixo Eyraud.

Para Anita Díaz, da comunidade Pueblo Nuevo Nº1, do Refuxio de Vida Silvestre Los Guatuzos, foi sorprendente recoñecer como estaba a dieta alimenticia na súa casa, “a miña dieta estaba chea de carbohidratos e sen ensalada, o que me ocasionaba algúns padecimientos estomacais”.

Novas receitas e técnicas de cociña

As receitas non eran difíciles de preparar, as e os participantes levaron produtos do horto biointensivo das súas casas ou parcelas, utensilios de cociña, mandís e gorros. Ao carón do salón, unha das mesas estivo chea de hortalizas, verduras e froitas; parecía un mercado verde.

Coas novas técnicas de cociña, Anita xa sabe cal é a orde que deben levar os ingredientes para sofritir, “primeiro bótase a cebola, ata que cambia un pouco a cor, daquela o chile doce, despois o allo e por último o tomate, acompañado dun chisco de sal e pementa. Isto permite unha boa cocción e mantén o sabor dos alimentos”.

Todo entra polos ollos cando de comida se trata, e integrar as cores e formas no prato de comida foi parte do taller. Aprenderon os cortes profesionais “chifonade, xuliana e xardineira” para lucir de forma única as súas comidas.

A Díaz gustoulle a elaboración das vinagretas, as ensaladas que integraban moitas follas verdes e as xeleas de froitas, que xeralmente desperdician nas comunidades, “xa non vou desperdiciar as papayas, as laranxas, as piñas, as peras nin os bananos”.

Tamén, fixeron aderezos de coandro, allo, perexil; tortas de camote e de iuca, xelea de piña e papaya, e vinagre de bananos.

As conservas

As colleitas dalgúns cultivos adoitan ser abundantes e é moi probable que se perdan, tal como sucede nas comunidades de Las Azucenas e Los Guatuzos. É por iso que a elaboración de conservas foi outro momento clave no taller, pois o seu obxectivo é “aproveitar a colleita para conservar os alimentos e comelos máis adiante”. A súa elaboración permite que sexan gardadas nos fogares, sobre todo onde non hai enerxía eléctrica.

“Fixemos conservas de tomate con berenxena, cenoria, chayote, patata e cebola morada; unha de brócoli e outra de tomates enteiros”, detallou a mestra biointensivista.

Ao finalizar o taller, Díaz dixo que estes novos coñecementos mellorarán a saúde familiar. “Agora sabemos como equilibrar a dieta, que o de “un non se enche” é un mito, só é saber combinar e equilibrar os alimentos. E que cantas máis verduras consumimos, máis vitaminas achegamos ao noso corpo manténdonos saudables”.

O taller de nutrición, dieta e cociña saudable, ser realizou no marco do Proxecto “Ecosistemas Resilientes”, executado por Amigas da Terra Galicia e ASODELCO, con fondos da Xunta de Galicia.