
O acto desenvolverase hoxe, a partir das 20.00 horas, no Centro Social Novacaixagalicia de Vigo. Incluirá a presentación do libro de fotografías e o documental do proxecto “Golfo de Fonseca. A loita por un futuro sostible” realizado en colaboración entre Amigos da Terra e AGARESO. A presentación poderá seguirse en directo a través da páxina web de AGARESO.
O acto desenvolverase no Centro Social Novacaixagalicia de Vigo (Rúa Policarpo Sanz, 24-26, Vigo) e contará coa asistencia de Delfín Fernández (subdelegado do Goberno en Pontevedra), Lucía Emilia Molares (delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo), Juan De Sola (presidente de AGARESO), Paula Vidal (presidenta de Amigos da Terra), Judith Sing (responsable de cooperación de Amigos da Terra), Carlos Puga (autor do libro de fotografías e membro de AGARESO) e Estrella López (vocal de AGARESO e integrante do equipo que se desprazou ao Golfo de Fonseca).
Amigos da Terra e AGARESO, a través dun convenio de colaboración, comezaron no ano 2009 un proxecto de sensibilización para dar a coñecer en Galicia o traballo que Amigos da Terra leva a cabo no Golfo de Fonseca en temas de pesca artesanal sostible.
Durante doce días, os reporteiros de AGARESO, tiveron a oportunidade de visitar os proxectos que a asociación está a desenvolver en Nicaragua, O Salvador e Honduras, tres países que comparten a xestión e uso desa área xeográfica, un ecosistema que destaca pola súa biodiversidade mariño-costeira. Este documental e o libro de fotografías amosan as distintas realidades dos homes e mulleres que habitan nas comunidades costeiras deste recuncho de Centroamérica.
Esperámosvos!
Parabéns a tod@s os implicados polo traballo! Creo que van a ser ferramentas importantes de comunicación para transmitir o ponto de vista de “capacitación e non intervención” que desenvolve Asociación nestes países; facéndonos máis conscientes doutras realidades e motivando a reflexión sobre as consecuencias dos nosos habitos de consumo.