O pasado seis de novembro iniciou un estudo para identificar e seleccionar as mellores variedades de cacao adaptadas ás condicións agroclimáticas das comunidades Las Azucenas, Quinta Lidia, Los Chiles e o Refugio de Vida Silvestre Los Guatuzos do municipio de San Carlos en Río San Juan (Nicaragua).

A caracterización de árbores elites (exemplares con características xenéticas desexables e superiores ao promedio respecto ás árbores da súa mesma especie) realízase co financiamento da Xunta de Galicia e da man de produtoras e produtores de 18 predios, tomando en conta o manexo agronómico, rendementos, produción, cheiros, sabores e a importancia de caracterizar árbores promisorias dentro da súa parcela.

Segundo Mario Nolasco de Life Commodities, empresa que lidera o estudo, este ten moita importancia porque identifica “cacao con diferentes perfís de aroma e sabor para a industria e con vantaxe produtiva para os produtores, así como árbores adaptadas á zona, polo que facilitará a produción e rehabilitación de exemplares con características superiores”.

De maneira preliminar, o estudo atopou 20 árbores promisorias con produción e características organolépticas únicas e especiais, con boas condicións climáticas e bo potencial produtivo, que se utilizarán para mellorar os rendementos das árbores a través de inxertación. Tamén se substituirán as árbores improductivas ou vellas das parcelas. No caso de Los Guatuzos, este estudo determina que conta cun micro clima óptimo para cultivar cacao todo o ano.

Estas variedades permitirán a creación de liñas de produtos exclusivos en chocolatería, bebidas de cacao ou cosmética natural, tanto para as empresas transformadoras a nivel de país como para as mesmas cooperativas cacaoteras que veñen traballando desde hai 3 anos para mellorar a súa produción, transformación e comercialización; e que deron lugar ao xurdimento de emprendementos locais como a “Red de Mujeres de Chocolates” y “GuatuChocolates” en Los Guatuzos.

O proceso investigativo incluíu un taller, facilitado por Franklin Talavera, especialista na cadea de valor do cacao de Life Commodities, para instruír ás persoas produtoras na identificación e seguimento, a través dunha ficha de rexistro de polo menos un ano; datos que serán moi útiles para a toma de decisións. Tamén, ensináronlles técnicas para a produción de varetas, a fertilización e unha fórmula para curar feridas en árbores usando pasta bordelesa.

“Terminamos a etapa de identificación e caracterización, aínda faltan crear os protocolos de post colleita, identificar a compatibilidade de árbores caracterizadas e a pegada xenética”, detallou Nolasco.

O apoio ao fitomelloramento do cacao na zona sur de Nicaragua, chega a través do proxecto “Promovendo ecosistemas resilientes como base para a seguridade alimentaria e o crecemento económico sostido de comunidades rurais de Rio San Juan”, executado por Amigas da Terra Galicia e ASODELCO, financiado pola Cooperación Galega.