A situación de violencia extrema e a violación de dereitos humanos que está a vivir a poboación en Gaza é inadmisible. Desde Amigas da Terra, como organización que loita pola xustiza social e ambiental, condenamos enerxicamente o castigo colectivo, os continuos ataques indiscriminados e violacións graves de dereitos humanos que diariamente presenciamos contra a poboación civil de Gaza, accións que constitúen crimes de guerra.
Tamén condenamos os indefendibles e atroces ataques de Hamás contra civís israelís, pero isto non pode derivar nin xustificar en ningún caso un ataque colectivo sobre a poboación civil de Gaza.
Os graves abusos que se están producindo non comezaron o 7 de outubro. Durante décadas, o pobo palestino foi sometido a abusos sistémicos, bloqueos, un control absoluto dos recursos, en definitiva, apartheid e crimes de guerra ao amparo dun manto de impunidade outorgado pola comunidade internacional, este silencio achandou o camiño cara ao que estamos a presenciar estes días.
España e a UE teñen un papel fundamental que desempeñar para reverter o desprezo do dereito internacional e promover iniciativas que resolvan o conflito e leve á construción da paz. O silencio cómplice non é unha opción. Instamos a todos os líderes políticos a pedir un cesamento do fogo inmediato e a protección da sociedade civil.
Ademais esiximos que España suspenda a compra así como a subministración, a exportación e importación de todas as armas, municións e outros equipos militares e de seguridade a Israel. Non podemos nin queremos ter acordos comerciais co exército israelí, isto fainos dalgún modo cómplices das atrocidades cometidas. É máis, a agresiva e desproporcionada ofensiva militar contra a poboación de Gaza non require outra resposta por parte do goberno en funcións do noso país que a ruptura de relacións diplomáticas con Israel. Estamos a presenciar un xenocidio, un cesamento do fogo e o cesamento de toda relación co goberno de Israel é a resposta que a magnitude dos feitos esixen.
Por último facemos unha mención especial e trasladamos nosa máis profunda solidariedade ás nosas compañeiras en Palestina, Friends of the Earth Pengon. Un organismo de coordinación entre diferentes organizacións palestinas que xurdiu pola necesidade de resistir e denunciar as violacións israelís contra o medio ambiente palestino e o control de Israel sobre os recursos naturais palestinos. Queremos que sintan que non están soas e que desde aquí seguiremos esixindo xustiza e o fin desta guerra xenocida.