Da man da ONGD Asociación para el Desarrollo Local Ecosostenible en Río San Juan (ASODELCO) iniciamos un novo proxecto de cooperación en Nicaragua, financiado por Cooperación Galega. Levaremos a cabo accións ambientais e de desenvolvemento produtivo que contribúan a mellorar a calidade de vida de persoas integradas en cooperativas, produtores/as agrícolas e de cacao, do ámbito do turismo e da educación.

Dunha banda, fomentaranse procesos participativos e xeración de alianzas para a conservación da biodiversidade en áreas protexidas. Accións para a prevención e control de lumes, charlas e talleres sobre cambio climático ou realización de estudos ambientais son algunhas das actuacións previstas neste ámbito. Por exemplo, nas fincas de producción de cacao, realizarase unha mostraxe de especies de fauna co obxectivo de descubrir a afectación da actividade produtiva a esas especies e poder levar a cabo unha xestión responsable e que protexa a biodiverdade.

Tamén se pretende elaborar un estudo de valoración do aporte económico e ambiental dos sistemas agroforestais de cacao na área protexida Los Guatuzos.

Doutra banda, mellorarase a xestión da biodiversidade en sistemas produtivos agrícolas e agroforestais. Traballarase na conservación de solos e auga, no establecemento de hortos de cultivo biontensivo (método que permite obter bos rendementos con baixo consumo de recursos naturais), e na creación de parcelas experimentais para avaliar variedades de sementes de grans básicos e cacao con potencialidade de adaptación ao cambio climático.

Por último, visibilizarase o papel da muller na producción local e na adaptación ao cambio climático, así como a súa contribución ao traballo de coidado e produción nas fincas.