A campaña “Axuda a vivir. Doa sangue e planta unha árbore”, promovida por Amigos da Terra e o Centro de Transfusión de Galicia (CTG), durante a pasada semana, acadou un excelente índice de participación, acadando un total de 278 doazóns de sangue, das que o 18 % (50 doazóns) correspondíanse con cidadáns que efectuaban a súa primeira doazón de sangue. Isto significa que 278 novas árbores autóctonas serán plantadas nun monte, formando parte da biodiversidade galega, contribuíndo así a fixación de solo e a absorción de CO2 da atmosfera.


A iniciativa, que tivo lugar entre os días 14 e 19 de xullo en distintos puntos da cidade de Ourense, tentaba acadar un dobre obxectivo: mellorar a información dos cidadáns sobre a doazón e provocar unha especial sensibilidade social a prol da conservación do medio ambiente, xa que por cada doazón plantarase no vindeiro outono unha arbore para reforestar unha área degradada dos montes galegos.

Amigos da Terra e o CTG queren mostrar os eu agradecemento pola súa labor solidaria a todas as persoas voluntarias que colaboraron na campaña, así coma tamén aos cidadáns a súa participación nas campañas de doazón ao longo do presente ano.